Un vídeo recrea o impacto que tería a instalación de Ence na praza do Obradoiro
Por Anxo Lourido
Do director e guionista de 'Como sería a ría de Pontevedra sen Celulosas' chega agora ás pantallas de Youtube unha nova produción, 'Os proxectos da Xunta'. Benito Montenegro, un militante videocreador anti-Ence, volveuno facer. Este deseñador gráfico lanza agora unha campaña crítica cara a Xunta de Galicia por facilitar a permanencia da fábrica pasteira en Lourizán.
No novo vídeo, Montenegro expón unha suposición. O argumento consiste en que a administración autonómica co obxectivo de crear postos de traballo decide aproveitar as obras de reforma da fachada da Catedral de Santiago e sacarlle rendemento á praza do Obradoiro. Por este motivo, nesta ficción audiovisual, a Xunta instalaría entre o Pazo de Raxoi e o templo románico unha fábrica de "Celulosa".
Ao longo dos 3:17 minutos que dura esta recreación utilízase un ton irónico e indícase que a medida está apoiada polos composteláns ao crearse 300 novos postos de traballo na capital de Galicia.
O autor promete unha versión máis estendida do vídeo, que xa está a circular a través das redes sociais promovido por integrantes da Asociación pola Defensa da Ría.
Fonte: Youtube