Un incendio nunha manta eléctrica desata a alerta entre os veciños dun edificio en Barcelos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Dous camións de bombeiros do Parque de Pontevedra, unha patrulla da Policía Nacional e outra da Policía Local acudiron este martes ao edificio número 10 da praza de Barcelos. Os veciños chamaron os bombeiros ante a presenza de gran cantidade de fume que se observaba no patio de luces. A orixe do lume atopábase no terceiro piso. Alí, un veciño deixara o cigarro sobre unha manta eléctrica que orixinou o lume.
A rápida intervención dos bombeiros impediu que o lume se estendese e, despois de refrigerar e ventilar a habitación, abandonaron o edificio. Con todo, os veciños deste inmoble móstranse preocupados polos problemas que orixina o residente nesta vivenda.
Segundo afirmaba unha veciña a PontevedraViva, o home leva dous meses vivindo nese piso e caracterizouse por crear numerosos problemas entre a comunidade. Afirma que practicamente todos os días a policía vese obrigada a acudir ata o edificio polos problemas que causa ao enfrontarse ao resto da veciñanza. O home vive só e, segundo unha veciña, non admite axuda familiar. Sinalan que a persoa que vivía enfronte do polémico veciño decidiu abandonar o piso e trasladarse a outra vivenda polas incomodidades que lle estaba causando.
CHAMAMENTO AOS SERVIZOS SOCIAIS
Desde a comunidade veciñal e mesmo familiares afirman que xa se puxeron en contacto cos Servizos Sociais para que tenten buscar unha solución para este home de 70 anos pero a tramitación para atendelo aínda está sen resolver. Os familiares denuncian que os Servizos Sociais non lles ofrecen alternativas para poder axudar a este home. "Tenemos que evitar que un día nos incendie el edificio", apuntan preocupados os veciños e mesmo afirman que, días atrás, guindou dende a vivenda unha botella de cristal á praza de Barcelos.