A Plataforma Galega do Ensino Público pide o boicot ás probas da reválida en Primaria
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público concentráronse ante o colexio de Barcelos para manifestar a súa oposición á aplicación das reválidas e da LOMCE. Xacobe Rodríguez, portavoz deste colectivo e da CIG-Ensino, indicou que a aplicación destas probas, que para sexto de Primaria desenvolveranse do mércores 11 ao 13 de maio, vai provocar unha tensión innecesaria á comunidade escolar.
Este colectivo indica que esta proba que xa se aplicou o curso pasado aos menores de terceiro de Primaria carece de sentido e só favorece que finalice a igualdade de oportunidades. "Volvemos ás reválidas dos nosos avós", afirma Xacobe Rodríguez, sinalando que se recupera a época na que quen tiña a posibilidade de estudar era quen se atopaba nun contexto socioeconómico favorable. Por este motivo, a Plataforma galega de ensino público afirma que se opón á perda dos dereitos igualitarios que se conseguiron durante os últimos anos.
O 11 de maio, con motivo da primeira convocatoria da reválida para o alumnado de sexto, esta Plataforma vai concentrarse ante a consellería de Educación na sede de Santiago. Esta mañá, segundo Rodríguez, levaron a cabo concentracións na maioría dos centros de ensino de Galicia. O portavoz do colectivo fai un chamamento do boicot a estas probas. Sinala que durante o pasado curso máis do 50% dos alumnos de ensañanza pública non participaron nas probas. E apuntou que non realizar a reválida carece de consecuencias xa que determinadas comunidades autonómicas non a aplican por decisión administrativa.
O conselleiro Román Rodríguez afirma que esta proba é para avaliar o sistema educativo. Xacobe Rodríguez oponse a esta afirmación xa que entende que a mellor maneira de avaliar o sistema será falar co profesorado. Unha proba externa non é para avaliar a un neno de 8 anos, que sendo un alumno exemplar pode ter un mal día cando realice a proba. Desde a Plataforma entenden que non é xusto que se realice a mesma proba para un menor do barrio de Salamanca en Madrid que para un colexio dunha aldea de O Courel. Indican que a reválida só avalía os coñecementos técnicos e memorísticos pero non a educación, solidariedade e outro tipo de valores sociais e culturais.
Os opositores apuntan que o profesorado maioritariamente está en contra desta decisión que se inclúe na LOMCE. Rodríguez indicou que o Partido Popular durante o curso pasado tiña buscado algunha entidade que realizara un informe positivo sobre a aplicación destes exames e só obtivo a oposición por parte dos Consellos Escolares de Galicia e do Estado, ademais do Consello da Cultura Galega.
Relacionadas:
-
Normalidade nos colexios no inicio da 'reválida' de terceiro, pero guerra de cifras sobre participación
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Rebelión dos pais pontevedreses contra a reválida en Primaria
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Concentración contra a "aberración pedagóxica" da reválida
Por Oskar Viéitez |