Celtic Estores despide por sorpresa "a máis de dez persoas" días antes de negociar un ERE temporal
Por Diego Espiño
Celtic Estores, empresa situada en Moraña dende o ano 2000, sorprendeu os seus empregados despedindo a "máis de dez traballadores" de xeito fulminante alegando problemas económicos.
O sindicato CCOO, con representación maioritaria no plantel, denuncia unha situación que lles colleu por sorpresa, cun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) temporal aínda en vigor esgotando os últimos días dos 45 por traballador aprobados, e a punto de negociar unha nova regulación, como recoñece José Luis García Pedrosa, "acordaron que durante a vixencia do ERE non despedirían a ninguén. Foi unha sorpresa porque o día 13 citáronnos para comezar a negociar unha nova regulación temporal. Ademáis é unha empresa que vende moito no estranxeiro e que estaba a aguantar, levaba case tres anos só co ERE de 45 días".
García Pedrosa denuncia que neste caso se trata de "despedimentos selectivos de traballadores que curiosamente tiveron algún conflito indivudual coa empresa", uns despedimentos que se produciron de xeito fulminante, "déronlles o cheque cunha indemnización de algo máis de 20 días obviando que poderían denunciar por ser improcedente, pero a maioría están a firmar a conformidade".
Celtic Estores, que ata o momento dos despedimentos empregaba 187 traballadores, comunicou a rescisión a máis de dez empregados, como recoñece García Pedrosa, aínda que nin sequera os sindicatos coñecen de momento a cifra exacta de afectados, "son máis de dez e serán menos de 19 para non converterse en despedimento colectivo e ter que ir a un ERE".
Relacionadas:
-
O equipo de Celtic Estores ameaza con presentar unha demanda por conflito colectivo
Por Diego Espiño |
-
Os alcaldes de Cuntis, Moraña e Caldas implícanse cos traballadores de Celtic Estores
Por Redacción |
-
Os sindicatos solicitan a intervención dos alcaldes de Moraña, Cuntis e Caldas ante o ERE en Celtic Estores
Por Diego Espiño |