Os nenos do Campolongo colocan caixas niño nas beiras do Gafos
Por Oskar Viéitez
Un grupo de 25 alumnos de sexto de primaria do Colexio Campolongo participaron este xoves xunto a membros de Vaipolorío na colocación de caixas niño nas beiras do tramo urbano do río Gafos.
Os de Vaipolorío consideran que agora lles toca a quenda aos paxaros para os que instalaron xunto a este grupo de rapaces estes pequenos refuxios.
Por certo os cravos que se empregan son especiais de aluminio que non danan ás árbores.
Segundo lles explicaron os membros do colectivo ecoloxista este río transcorre por un val adicado a cultivos e casas unifamiliares ademais por unha das súas beiras hai unha senda moi transitada. As aves utilizan este espazo para alimentarse e relacionarse. Chegan a el dos arredores e teñen pouca tranquilidade e oportunidades de éxito para instalar niños de forma natural.
Coa instalación destas caixas niño facilítanlles un refuxio para que si poidan anidar á vista dos "curiosos" e a salvo dos depredadores naturais.
Foi unha medida máis pedagógica que outra cousa, co fin de poñer en valor este ecosistema. As zonas de nidificación das aves que chegan a esta contorna están a uns dous quilómetros nos montes e casas próximas.