Destinan 4,6 millóns de euros a mellorar as infraestruturas educativas da provincia
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a práctica totalidade dos concellos de Pontevedra –salvo Pontevedra e Vigo, que contan con plans específicos– veñen de sumar forzas "co fin de mellorar o seu estado e garantir a súa conservación futura" de 116 centros da provincia, unhas actuacións que beneficiarán a máis de 25.000 alumnos pontevedreses.
Segundo informou o conselleiro Román Rodríguez trátase dun "esforzo significativo" que cuantificou en 4,6 millóns de euros dos que a Xunta asumirá o 60% e o resto os concellos.
A delegación territorial da Xunta en Pontevedra acolleu a sinatura de 60 protocolos con 60 municipios de la provincia, nos que se inclúen 103 centros de educación infantil e primaria e 13 centros públicos integrados.
Román Rodríguez puxo en valor esta colaboración interadministrativa e esforzo conxunto que, "sempre desde a lealdade institucional e o respecto á autonomía local", permite garantir unha correcta eficiencia na xestión dos recursos públicos e dotar á veciñanza de mellores infraestruturas educativas.
Por outro lado, e a maiores dos 60 protocolos, coa localidade de Vilagarcía asinouse tamén un convenio de colaboración, a través do cal a Consellería e o Concello asumen, cada unha, o 50% do custe da reforma do ximnasio no CEIP de Rubiáns.