50 anos desde que se deron o "Si, quero"
Por Redacción
Casaron en Poio no ano 1966 e seguen xuntos e ambos os dous vivos. Once parellas que cumpren estes requisitos serán homenaxeados o domingo 8 de maio nunha festa organizada polo Concello para festexar as súas vodas de ouro.
No o ano 1966 houbo en Poio 87 matrimonios. Deles, 34 seguiron vivindo no municipio e os dous membros da parella seguen vivos, pero as circunstancias persoais de cada quen fixeron que só 11 confirmaran asistencia ás vodas de ouro colectivas organizadas pola Concellaría de Benestar Social do Concello.
Estas vodas de ouro levan organizándose en Poio dende o ano 1993. Inicialmente coincidía coa celebración de San Valentín no mes de febreiro, pero recentemente cambiouse a data para máis avanzada a primavera. O que non cambiou foi a súa esencia, unha festa á que asisten os maiores homenaxeados acompañados dos seus familiares e amigos para celebrar que levan 50 anos compartindo un anel, pero, fundamentalmente, a vida.
Como complemento a esta homenaxe, o Concello entrevistou a todas estas parellas para recoller as súas historias persoais e detalles como o xeito en que viviron de nenos, como se coñeceron, canto tempo botaron de noivos, a que idade comenzaron a traballar, que lembran do día da voda, anécdotas, a súa descendencia e outras reflexións ditas en alto sobre as ilusións que aínda teñen por cumprir, que lles gusta facer a día de hoxe e que lles preocupa. Como resultados, no transcurso do acto farase unha semblanza de cada parella.
A cita é ás 18.00 horas na Casa Rosada, nun salón engalanado para esta ocasión na que se atopan varias xeneracións de avós, fillos, netos e mesmo bisnetos. Por parte do goberno local acudirán o alcalde, Luciano Sobral, e a concelleira da área, Rosa Fernández González, e a cada unha das parellas entregaranlles dunha placa, diploma e detalle floral.