Fiscalía pide 19 anos de cárcere para un home que esperaba á súa ex moza cunha escopeta para matala
Por Oskar Viéitez
No banco dos acusados da Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sentará o vindeiro martes un home acusado de asasinato en grao de tentativa, ameazas e outros delitos. Acúsase a este home de amedrentar a súa ex parella a través das redes sociais, días antes de adquirir unha escopeta que fora roubada e para a que non tiña licenza.
A arma comprouna o día anterior a tratar de rematar coa vida da muller, que foi alertada das intencións do acusado e avisou á Policía, segundo o escrito de cualificación do Ministerio público.
O fiscal pide 19 anos de prisión.
Segundo o escrito de acusación do Ministerio Fiscal, o acusado Paulo José F.V., maior de idade e con antecedentes penais computables a efectos de reincidencia mantivo unha relación sentimental cunha moza, e unha vez que esta puxo fin á devandita relación, o acusado con intención de amedrentala subiu á súa páxina de Facebook un vídeo sobre limpeza de escopetas ao que acompañou do seguinte texto "Muy importante saber.lo", un video sobre como facer un test a unha escopeta a que acompañou do seguinte texto "Probando...probando estamos" e unha fotografía de dúas pistolas que acompañou do seguinte texto "Las mejores amigas del hombre jajaja nunca te decepciona".
Ademáis o acusado enviou dúas mensaxes de whatsapp á moza nos que dicía "tik tak tik tak empieza la cuenta atrás".
Co mesmo ánimo de amedrentala, tamén enviou a muller mensaxes por whatsapp nos que dicía: "la pesadilla acaba de empezar", "yo nunca quizen volver ser malo pero tu me hiciste volver a serlo", "y no tengo nada a perder .... la cosa mas enportante ya la perdi", "por esso... digo el juego acaba de empezar", "no voy a luchar mas", "y voy a ser muy malo", "y que separas wue tienes un enemigo", "vete a denunciar pide protección".
Naqueles días o acusado adquiriu unha escopeta semiautomática e munición. Carecía de licenza e sabía, segundo o fiscal, que a arma procedía dun roubo con forza.
O 10 de decembro de 2014, o acusado dirixiuse ao domicilio da súa ex parella sentimental, apostándose fronte ao seu portal portando a citada escopeta cargada e sen o seguro, á espera de que a muller abandonase o seu domicilio para ir traballar, momento no que aproveitando a sorpresa, a capacidade letal da arma e o seu fácil e rápido uso, pretendía matala disparando sobre ela coa escopeta, que xa tiña cargada e sen seguro e, a continuación, poñer fin á súa propia vida, tal e como deixou escrito nunha nota que entregou nun sobre á súa nai, sen lograr o seu propósito ao ler a nai a nota e alertar á moza, quen solicitou o auxilio policial.
O fiscal entende que estes feitos son constitutivos dun delito de ameazas (1 ano de prisión), un delito de receptación (2 anos de prisión), un delito de tenencia ilícita de armas (1 ano) e un delito de asasinato en grao de tentativa polo que pide unha condena de 15 anos de prisión coa prohibición de aproximarse á exparella, o seu domicilio, lugar de traballo, de estudos, ou calquera outro frecuentado por ela a unha distancia inferior a 500 metros, así como de comunicarse con ela por calquera medio directo ou indirecto, por tempo dez anos superior á pena de prisión que se lle impoña máis outros cinco anos polo delito de ameazas.