O servizo de transporte da área metropolitana de Vigo poderá chegar a Ponte Caldelas este ano
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas podería comezar a beneficiarse do servizo de transporte da área metropolitana de Vigo unha vez que entre en funcionamento, a finais deste ano 2016. Así o anunciou este mércores o alcalde, Andrés Díaz, tras participar na xuntanza dos municipios interesados en integrar o Área Metropolitana.
A reunión, presidida polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, tiña o obxectivo inmediato da posta en marcha do servizo de transporte metropolitano na área sur e centro da provincia. Serviu para anunciar un calendario que, de non producirse atrasos, podería significar a entrada en funcionamento do dispositivo cara finais de ano.
Andrés Díaz foi convidado en calidade de alcalde dun dos municipios que están a valorar a súa entrada na área metropolitana. Segundo o calendario adiantado este mércores, agárdase que o próximo mes de outubro se celebre a asemblea constituínte e nesa mesma sesión trataranse as solicitudes de nova adhesión, entre elas a de Ponte Caldelas.
O alcalde de Ponte Caldelas explicou que tras a inauguración da conserveira Orbe no polígono da Reigosa resulta indubidable a relación sociolaboral do municipio con Vigo e resulta importante que os concellos poñan os medios para facer a vida máis cómoda aos traballadores de ambas as dúas localidades. Neste contexto, o transporte público, funcional e asequible é básico para o Concello de Ponte Caldelas porque un dos eixos da política municipal deste mandato é seguir crecendo en poboación nun contexto de forte recesión demográfica na comarca.