A feira ambulante probará o 21 de maio o seu posible traslado aos terreos de Tafisa
Por Alejandro Espiño
Unha proba deportiva servirá para que o Concello de Pontevedra avalíe a posible eficacia de trasladar a feira ambulante dos sábados á nova urbanización de Tafisa.
A celebración da Copa do Rei de tríatlon en Pontevedra impedirá que os ambulantes poidan instalar os seus postos na rúa Rafael Areses, polo que o goberno municipal propúxolles celebrala no paseo peonil central destes terreos, próximo á rotonda de José Malvar.
Ademais, o goberno municipal permitirá aos vendedores aparcar as súas furgonetas xunto aos seus postos, algo que non admitía no seu actual emprazamento.
O concelleiro responsable da área de Mercados, Vicente García Legísima, visitará nos próximos días toda esta zona cunha representación dos ambulantes que traballan nesta feira para avaliar con eles este cambio.
Estudarase tamén a posibilidade de sacar a concurso as vacantes que existen no mercado, de forma que se poida potenciar a súa celebración con novas ofertas comerciais.
En función de como resulte esa proba do 21 de maio, o Concello decidirá sobre a localización definitiva da feira, que en todo caso acordarase co colectivo.