Sanxenxo incentiva a selección de socorristas e sanitarios cun incremento salarial do 18%
Por Redacción
O goberno local abriu xa o proceso de selección do persoal que conformará este verán o servizo de vixilancia en praias, incluíndo importantes novidades que buscan incrementar o interese dos profesionais deste sector por traballar nas praias de Sanxenxo.
Así, a modificación máis destacable ten que ver cunha mellora salarial, xa que os soldos veranse incrementados con respecto ao ano pasado nun 18%, o que se pode cuantificar en case 200 euros mensuais. "Confío en que este factor contribúa a mellorar a oferta laboral do Concello de Sanxenxo e que evite as dificultades de contratación que tivemos o pasado verán", explica a edil de Persoal, Vanessa Rodríguez Búa.
Serán un total de 60 socorristas e sanitarios os que o Concello de Sanxenxo quere sumar ao seu persoal este verán. Quince deles terán un contrato de 3 meses e os outros 45 serán contratados por un período de dous meses. Aínda que o proceso de selección é moi similar ao de edicións anteriores, este verán o Concello optou pola creación dunha Bolsa de Traballo, na que cada aspirante figurará coa puntuación obtida tras a realización das probas e a súa contratación decidirase en función deste baremo.
O proceso de selección do persoal está xa aberto de forma que os interesados en optar a un destes postos terán de prazo ata o 11 de maio, incluído, para entregar as instancias no rexistro xeral da Casa Consistorial, en horario de 9 a 14 horas, e abonar 7,73 euros para participar neste procedemento, pago do que estarán exentas aquelas persoas que presenten o cartón de demandante de emprego.
Ademais da solicitude, os aspirantes deben achegar a fotocopia do DNI, un certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade ou discapacidade que impida exercer a función para desenvolver, o currículo con fotografía recente e a copia cotexada do título esixido nas bases da convocatoria para cada praza ou a declaración ou certificado de estar en condición de obtelo.
Relacionadas:
-
Sanxenxo destinará 233.401 euros a contratar socorristas
Por Redacción |
-
Os socorristas de Sanxenxo cobrarán este verán un mínimo de 1.187 euros brutos
Por Redacción |
-
Abren o prazo para optar a nove postos de socorrista en Bueu
Por Redacción |
-
Os socorristas atenderon un 20% menos de incidencias este verán debido á ausencia de fanecas
Por Redacción |