O PP afirma que non se está a realizar ningún traballo nos terreos que acollerán a planta de compostaxe
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra afirma que non existe proxecto definido para os terreos de A Canicouva a pesar de que o BNG asinou o pasado mes de decembro o contrato de alugueiro coa comunidade de montes desta parroquia.
Este mércores o portavoz popular, Jacobo Moreira, criticou que "os pontevedreses están a perder cartos debido á improvisación e á falta de xestión do BNG", xa que según comprobaron os populares case cinco meses despois de que o goberno local asinase o contrato de alugueiro dos terreos de A Canicouva, "non se ten feito ningún traballo nin labor neles".
O pasado mes de febreiro, os populares solicitaron información sobre os traballos que se están a levar a cabo nestes terreos, polos que o Concello de Pontevedra está a pagar anualmente 20.000 euros á comunidade de montes desta parroquia. Agora, o técnico de Medio Ambiente Natural e o enxeñeiro técnico forestal "corroboran as sospeitas do grupo popular".
Moreira cre que a ausencia dun proxecto definido sobre o uso destes terreos e sobre a construción da planta de compostaxe "está a provocar que o Concello, e en consecuencia os veciños de Pontevedra, estean tirando os cartos".
Neste sentido, os populares lembran que "a día de hoxe seguemos sen coñecer a proposta final sobre esta instalación, non hai proxectadas nin as dimensións, nin como se levará a cabo. Tampouco sabemos se o Concello afrontará en exclusiva o proxecto, se a Deputación colaborará ou se o xestionará unha empresa privada".
Por todo isto, os populares esixen ao BNG "rigor e seriedade".
Relacionadas:
-
Un estudo analizará o impacto da planta de compostaxe da Canicouva
Por Redacción |
-
O Concello asegura que a reclamación de Ponte Sampaio pola planta de compost "non ten repercusión"
Por Oskar Viéitez |
-
Freo á modificación de crédito anunciada polo goberno municipal
Por Redacción |
-
O goberno local presentará o seu plan de compostaxe nun acto no Museo o vindeiro 14 de abril
Por Redacción |
-
O PP segue sen respostas sobre os traballos nos terreos da Canicouva
Por Redacción |
-
O PP critica que o goberno de Lores trate de xestionar o lixo sen consultar coa oposición
Por Redacción |