Nené Barral elude a prisión por defraudar a Facenda e queda pendente agora do seu xuízo por contrabando
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O ex alcalde de Ribadumia José Ramón Barral, coñecido como Nené Barral, non ingresará en prisión a pesar de que xa é firme a súa condena por dous delitos contra a Facenda Pública por defraudar 338.493 euros na declaración do IRPF dos anos 2006 e 2007 polos seus negocios acuícolas e no sector da enerxía eólica en China e Chile. Este mércores recoñeceu a autoría dos dous delitos e conformouse coa condena a un ano de prisión, pero finalmente poderá eludir esa privación de liberdade a cambio do pago dunha multa.
O ex alcalde e suposto contrabandista puxo a cero tamén a súa débeda con Facenda, pero non as súas débedas coa Xustiza, que agora quedan pendentes do xuízo polos delitos de contrabando, suborno e revelación de segredos oficiais que ten pendente tras a súa detención no ano 2001. "Esperemos que sea esto el punto y final y que esto se acabe para él", indicou o seu avogado, Carlos Seoane.
Nené Barral sentou no banco dos acusados do Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra e, tras chegar a un acordo coa Fiscalía e a Avogacía do Estado, asumiu a condena que lle pedían: seis meses de prisión por cada un dos dous delitos dos que se confesou culpable e o pago dunha multa de 88.250,50 euros polo diñeiro que defraudou no ano 2006 e outra de 202.715 euros por defraudar en 2007. Tras ratificarse en sala o acordo, o xuíz propuxo que Nené Barral substituíse o ingreso en prisión polo pago dunha multa de 4.320 euros, 24 meses de multa a razón dunha cota diaria de seis euros.
A condena inclúe a perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas e do dereito para gozar dos beneficios ou incentivos fiscais ou da Seguridade Social durante cinco anos e o pago a Facenda do diñeiro que defraudou, 338.493 euros, máis os intereses polo tempo transcorrido desde que cometeu os delitos.
O maxistrado, Miguel Aramburu, deulle un prazo dun mes para formalizar o pago da multa que substitúe a pena de prisión, pero recoñeceu que os seus avogados xa lle trasladaban que a abonaría nuns días. Alcanzado o acordo e coa confesión de Barral, ditou unha sentenza que xa é firme e que as partes anunciaron que non recorrerán.
Nené Barral aínda non pagou eses 4.320 euros, pero o resto das súas multas xa as abonou. Asi, consignou nunha conta do Xulgado máis de 700.000 euros que se corresponden co importe da multa e o diñeiro defraudado que ten que devolver á Axencia Tributaria.
Froito deste acordo, Nené Barral liberou ás súas tres fillas de calquera tipo de condena. Estaban inicialmente acusadas polos mesmos delitos que el, pero finalmente o fiscal retirou a acusación e o xuíz absolveunas.
Barral estaba citado nos xulgados da Parda ás 9.30 horas, pero chegou minutos antes das nove da mañá acompañado polos seus avogados e asesores. Fíxoo con total tranquilidade e así agardou durante preto dunha hora ata que entrou ao xuízo. Na sala a sesión durou apenas uns minutos e, ao termo do mesmo, el rexeitou realizar declaracións aos medios, pero si falou no seu nome o seu avogado, que destacou que a sentenza significa a "regularización de su situación tributaria".
Relacionadas:
-
O banco dos acusados da Audiencia de Pontevedra espera a Nené Barral e a Sito Miñanco
Por Redacción |
-
A Axencia Tributaria rexistra varias casas da familia de Nené Barral
Por Redacción |
-
Nené Barral pacta coa fiscalía e paga case 700.000 euros a Facenda
Por Redacción |
-
'Nené' Barral será xulgado o próximo 20 de xaneiro por dous delitos contra a facenda pública
Por Redacción |
-
O fiscal formula acusación contra Nené Barral por dous delitos fiscales
Por Redacción |