A senda do Lérez ampliarase ata o río Almofrei
Por Alejandro Espiño
Cunha "mínima intervención", segundo o goberno municipal, a senda fluvial do Lérez poderá ampliarse polas súas dúas marxes ata o río Almofrei. Ese é o obxectivo da actuación que presentou este martes o concelleiro coordinador do rural, Demetrio Gómez Junquera.
A mellora e ampliación da senda fluvial do Lérez na marxe dereita irá dende a praia dos Fontáns polo antigo camiño de pescadores ata a ponte do río Almofrei.
Tamén a marxe esquerda -de características urbanas e accesibles- chegará ata o río Almofrei co obxectivo de que no futuro se xunten as sendas dos dous ríos.
O Concello inclúe na relación de obras de mellora de mobilidade solicitada pola Xunta a adopción de medidas de calmado de tráfico nesta ponte e cruce viario xa que son moitos os peóns e ciclistas que pasan pola zona camiño dalgunha das distintas sendas e camiños tradicionais vinculados aos dous ríos.
Por unha banda, faranse traballos de limpeza da senda para retirar pólas e árbores danadas polos temporais e as chuvias do inverno, algunha roza superficial e aproveitarase para eliminar especies invasoras; mentres que por outra, farase unha mínima obra civil que consistirá en arranxar muros e pasos de auga, repoñer chanzos ou arranxar un pouco desniveis de terreo en mal estado.
As actuacións nesta marxe terán un custo de arredor de 21.000 euros e estarán listas nesta mesma primavera.
Relacionadas:
-
Os socorristas das praias de Pontevedra volven o traballo o 24 de xuño
Por Redacción |
-
Pontevedra pide á Xunta unha senda ciclista na estrada vella a Marín
Por Alejandro Espiño |
-
Reparan a entrada á pasarela de madeira do paseo fluvial do Lérez
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello mellora a senda peonil do Lérez entre o carril-bici e a praia fluvial
Por Redacción |