Os veciños de Barcia de Seixo completan a rehabilitación do centro social e parroquial
Por Redacción
Un técnico da Deputación realizou este luns unha inspección técnica para supervisar os traballos de rehabilitación realizados no Centro Social da parroquia de Barcia de Seixo, que se financiaron con axuda do organismo provincial.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, e os portavoces veciñais asistiron a esta visita, destacando o esforzo realizado na reparación integral deste local que estará a disposición dos colectivos veciñais da parroquia de Barcia de Seixo e no que levan investidos uns 13.000 euros.
Entre os traballos realizados destacan a colocación de friso de madeira no teito, a reparación do tellado, así como a dotación dun novo pavimento antiescorregadizo para evitar calquera resbalón ou accidente indeseado.
Tamén levaron a cabo labores de illamento da edificación con respecto ao terreo para evitar que as escorrentías dos días de choivas acabasen filtrando humidade ao centro social. Para iso realizouse un sistema perimetral de drenaxe e illamento do edificio.