Rescatan un can do fondo dun pozo en Cambados
Por Redacción
Os responsables do Refuxio de Animais de Cambados recibiron este luns unha chamada alertando da presenza dun can no interior dun pozo no Sineiro (Vilariño). Quen avisou á protectora cría que o can se atopaba no pozo desde o domingo.
De inmediato acudiron efectivos do Servizo de Emerxencias do Concello de Cambados que colaboraron cuns particulares no rescate do can que presentaba unha grave hipotermia e numerosas feridas producidas ao tentar saír do buraco. Entre outras lesións, fáltanlle todas as uñas de rascar desesperadamente.
Desde o Refuxio de Animais de Cambados explicaron que o can, un animal novo, non ten microchip e tamén descoñecen se foi abandonado ou se alguén o estará buscando. Mesmo se caeu só ou o tiraron.
En calquera caso, desde estas mesmas fontes advertiron do perigo que supón a presenza de pozos abertos sen ningún tipo de medida de seguridade. Igualmente agradeceron a chamada de alerta dos particulares e o traballo de Protección Civil no rescate.