UGTIN, a vella escola sindical que desapareceu á sombra dunha palmeira
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Eran os anos finais da década dos 70 e os sindicatos estreaban como espazo de traballo o edificio da rúa Pasantería onde estaba instalada a delegación do Ministerio do Traballo. Na antiga casa do conserxe, tras as sedes do inmoble instalouse unha escola infantil ao amparo dun dos sindicatos maioritarios. Chamábana UGTIN.
Aquela escola funcionou durante os primeiros anos da democracia acollendo alumnado procedente, sobre todo, de afiliados da UGT. Con solo de cortiza, contaba con comedor, cuxo forno aínda se atopa, agora moi oxidado, entre as reliquias que se poden ver nos corredores do edificio sindical, e cun patio de recreo cunha zona cuberta que permitía aos escolares gozar do recreo nos días de chuvia. Nese patio plantouse unha palmeira, un oasis natural que destacaba entre o gris da pedra da rúa Figueroa á que se accede baixando unhas escaleiras situadas nun lateral deste recinto.
Unha vez que os nenos desapareceron cando a escola cesou a súa actividade a principios dos oitenta, o patio converteuse nun espazo sen uso. Baixo a cuberta amparábase un futbolín destartalado e, nos últimos tempos, unha grella que era aproveitada con motivo da celebración da Feira Franca. UGT, central encargada da xestión deste espazo regulado polo Peprica, solicitou a demolición desa estrutura de cemento do centro escolar que corría o perigo de esborrallarse e que ofrecía unha imaxe de abandono. Tras diversas xestións, Patrimonio autorizou a derriba da construción obrigando a conservar a palmeira. Agora o patio, co tamaño apróximado dun campo de fútbol-sala atópase liberado de columnas, de beirados e de cemento. Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, proxecta plantar céspede en toda a superficie.
Ademais da palmeira, a parte traseira do edificio ocupado polos sindicatos atópase cuberta por unha hedra que gabea ata a cuarta planta e tampouco pode ser retirada, segundo indica Vidal, porque non llo permite o Concello. El entende que é un erro. A planta leñosa convértese nunha selva de bichería e de humidade que afecta o inmoble, que continúa sendo propiedade do Ministerio de Traballo.
UN SALÓN DE ACTOS DECADENTE
A través das fiestras que limitan o patio pódese ver o interior do salón de actos que empregan as centrais para as asembleas. A pesar de ser arrombado para a visita de Íñigo Errejón, de Podemos, na súa visita a Pontevedra, o secretario de Política da agrupación de Pablo Iglesias debeu quedar asustado pola imaxe decadente deste espazo. A pintura se desconcha, vellos arquivadores permanecen sen uso nos corredores laterais e na entrada do salón atópase un carro de supermercado alí abandonado tras algunha protesta nas rúas.
Ramón Vidal cre que a mellor solución para o salón de actos sería deixar ao descuberto a pedra das paredes, retirar a mesa de madeira maciza do escenario e lograr a cesión de asentos en mellores condicións, como os do paraninfo da antiga sede da Xunta de Galicia en Benito Corbal, apunta mentres percorre un corredor dos baixos do sindicato onde se acumulan arquivos humedecidos e documentos ilexibles, ademais dalgún taboleiro de parchís que se utilizaba na antiga escola.
"De todo isto quen podía tervos falado moito era Agustín Dobarro" comenta Ramón Vidal con pena lembrando a un dos máis característicos sindicalistas de FIA-UGT durante as últimas décadas. Dobarro falecía aos 73 anos a finais de marzo, dunha complicación respiratoria, coincidindo co inicio da retirada dos últimos restos daquela escola coñecida como UGTIN.