Unha empresa de Ourense instalará a nova cuberta do Pavillón Municipal
Por Alejandro Espiño
A empresa Gómez Crespo Obras y Servicios SL será a encargada de executar as obras de renovación da cuberta do Pavillón Municipal. Así o decidiu a mesa de contratación deste proxecto ao considerar a súa a mellor das ofertas presentadas. Asumirá eses traballos por 605.951,06 euros, 85.000 euros menos do prezo que figuraba na licitación inicial.
Ademais, asumen as melloras incluídas no contrato polo que incluídas nese prezo pintarán as cerchas da estrutura do inmoble e renovarán toda a iluminación da pista con LED; proxectos valorados en 65.000 e 50.000 euros respectivamente.
As obras terán un prazo de execución de dous meses. A ese período haberá que sumar o tempo que se tarde na construción da nova cuberta -duns 2.500 metros cadrados- que será transportada á cidade xa terminada e colocada posteriormente durante as obras.
En todo caso, o Concello espera que estea todo rematado antes do mes de setembro, data na que se retoman as competicións deportivas.
O obxectivo desta actuación é recuperar a cuberta orixinal que presentaba o pavillón deseñado polo arquitecto Alejandro da Sota en 1964 e que foi substituída pola actual na década dos anos 80.
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, destacou que xunto con estas actuacións, no último ano o Concello investiu uns 900.000 euros en melloras no pavillón.
Así, instalouse un sistema de auga quente sanitaria con caldeiras de biomasa que custou 122.000 euros e gastáronse 100.000 euros en diferentes actuacións en obras de iluminación e seguridade, que incluíron a renovación da iluminación das bancadas e dos vestiarios, o cambio no sistema de balizamento das escaleiras, a mellora do cadro xeral de iluminación e a instalación dun sistema de alimentación ininterrompida.
MÁIS DIÑEIRO PARA A FANPA
Ademais, a Xunta de Goberno acordou aumentar a contía do convenio asinado entre o Concello e a Federación de Nais e Pais de Alumnos (Fanpa Pontevedra) para financiar as súas actividades e cubrir as necesidades de todos os solicitantes dos servizos de comedores escolares. Así, destínanse outros 3.500 euros a este concepto, alcanzando os 210.000 euros anuais, segundo sinalou Raimundo González.
Relacionadas:
-
Empezan a retirar a vella cuberta do Pavillón Municipal
Por Redacción |
-
Arranxadas as pingueiras no Pavillón de Marcón, agora toca corrixir os estragos
Por Redacción |
-
Unha lona cobre xa a pista do Pavillón para iniciar a reforma da cuberta
Por Redacción |
-
O campo da Xunqueira será renovado de forma integral
Por Alejandro Espiño |
-
Vinte empresas compiten polo proxecto de substitución da cuberta do Pavillón
Por Redacción |
-
O Pavillón Municipal recuperará este verán a cuberta orixinal de Alejandro de la Sota
Por Alejandro Espiño |