Excarceran unha persoa en Vilagarcía atrapada nun coche envorcado
Por Redacción
Unha persoa foi excarcerada durante a tarde deste domingo 1 de maio en Vilagarcía de Arousa despois de que o coche no que viaxaba envorcase. O sinistro de tráfico rexistrouse nunha vía da parroquia de Cornazo, segundo informa o servizo de Emerxencias do 112. No vehículo circulaban dúas persoas no momento no que se producía o accidente, ao redor das 18.15 horas.
Un dos ocupantes puido saír polo seu propio pé mentres que o acompañante tivo que ser liberado por efectivos de Protección Civil de Vilagarcía, axudados polos Bombeiros do Salnés. Ao lugar tamén se achegaron efectivos da Policía Local e da Garda Civil. Urxencias Médicas trasladou dúas ambulancias ata o lugar do accidente.
INCIDENTE EN PONTESAMPAIO
Na parroquia pontevedresa de Pontesampaio tamén se rexistraba un incidente a última hora da tarde do domingo. Segundo testemuñas presenciais, un mozo quixo exhibirse na zona da Xunqueira diante dos seus amigos facendo trompos co seu vehículo. En plena manobra, o turismo golpeou a outro que se atopaba aparcado e como consecuencia do impacto un dos amigos que observaba sufriu danos.
Ata o lugar trasladouse unha ambulancia medicalizada e atestados da Garda Civil de Tráfico.