A Festa da Ameixa de Campelo volve a xullo e a Festa do Mar chegará en agosto
Por Redacción
A Festa da Ameixa de Campelo volverá, se as condicións da ría o permiten, ás súas datas habituais no mes de xullo. Así o confirmou o Concello de Poio, que anunciou que a décimo novena edición desta festa gastronómica terá lugar os días 16 e 17 de xullo.
A praza da Granxa volverá acoller as carpas de degustación, nas que as ameixas da ría de Pontevedra volverán a ser as protagonistas.
O goberno municipal agarda que nesta ocasión a marea vermella que o pasado ano obrigou a trasladar a festa a setembro non impida que se celebre nos días elixidos.
O Concello de Poio segue a traballar no programa da festa que como todos os anos ademais da mostra gastronómica, contará con outros actos importantes como o folclore e as homenaxes ás mariscadoras, entre outros.
En canto a outra cita imprescindible do verán en Poio, a Festa do Mar de Combarro, celebrará a súa XVI edición no mes de agosto durante os cinco días comprendidos entre o 24 e o 28 de agosto.
A Festa do Mar contará como nas edicións anteriores, coa colaboración do Club Marítimo A Reiboa como organizador da famosa Concentración de Embarcacións Tradicionais que este ano celebrará a súa XIX edición.
Pola outra banda, a Festa do Mar seguirá contando coa colaboración da Asociación Armadiña Rock para a celebración de distintos actos e actividades dentro do programa da festa, que irán desvelando nas próximas semanas.