A CIG maniféstase no Día da Clase Obreira para reclamar a anulación das reformas laborais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A CIG levou a cabo a tradicional manifestación do Día Internacional da Clase Obreira polas rúas de Pontevedra coa presenza de diferentes cargos políticos do Bloque Nacionalista Galego como o vicepresidente da Deputación, César Mosquera ou a deputada provincial, Eva Villaverde.
Tampouco faltaron representantes do goberno local de Pontevedra como Raimundo González, Luís Bará, Demetrio Gómez ou Alberto Oubiña, que se manifestou portando a pancarta de Erguer, reclamando traballo digno para a mocidade. Entre os asistentes tamén se atopaba Guillerme Vázquez, ex portavoz nacional do BNG.
Nesta manifestación tamén estiveron presentes traballadoras de Linorsa, a empresa de limpeza de centros de saúde do Sergas, ademais de emigrantes retornados.
Marcos Conde, secretario comarcal da CIG, sinalou que esta marcha reclama a derrogación das reformas laborais levadas a cabo polos gobernos do PP e do PSOE en Madrid. En todo caso, apuntou que estas políticas laborais veñen impostas desde Europa provocando un cambio de modelo co obxectivo de que a clase traballadora perda dereitos.
Ao mesmo tempo, nesta manifestación, que finalizou na praza do Teucro, tamén se reclamaba cunha pancarta a inmediata ampliación do Hospital Montecelo.
Conde sinalou que é necesario saír á rúa para que os traballadores mostren que non están pasivos e, neste sentido, indicou que durante as últimas semanas dirixentes da CIG realizaron un labor informativo nos centros de traballo sensibilizando aos empregados sobre o Tratado de Libre Comercio para que sexan conscientes de como lles está afectando. "Quedando nas casas non se cambian as cousas", afirmou o secretario comarcal do sindicato nacionalista.
Relacionadas:
-
Arredor do 80% do persoal de Linorsa secundou a primeira xornada da folga nos centros de saúde
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
A CIG reclamará este domingo a anulación da lei mordaza e das reformas laborais
Por Redacción |
-
A CIG reclama a anulación das reformas laborais e da Lei Mordaza ante a Subdelegación
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |