Condenados por branqueo o narcotraficante Sande Baúlde e os seus pais
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra condenou por un delito de branqueo de capitais a Eduardo Eugenio Sande Baúlde a dous anos de prisión e multa de trescentos mil euros. A sentenza, pactada nun acordo de conformidade, inclúe á súa nai, Gumersinda Baúlde Vázquez, que aceptou un ano e cen mil euros de sanción.
Os outros condenados son Eugenio Sande Hermida, pai do vilanovés, que aceptou tres meses, pena de cárcere que tamén recaeu sobre a parella sentimental de Sande Baúlde, Concepción Váquez Martínez; unha curmá, Ana Abalo Baúlde e unha amiga, Yolanda García Castromán, e os maxistrados pontevedreses impuxéronlles multas de entre 5.000 e 10.000 euros.
A Audiencia tivo en conta as atenuantes moi cualificadas de dilacións indebidas e extraordinarias.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fixo público este fallo que recolle a absolución de Arturo Sande Baúlde, Rita Abalo Baúlde e Juan Carlos Chaves Martínez que cualifica de "meros instrumentos" neste caso de branqueo.
O tribunal declara na sentenza como feitos probados que Sande Baúlde "adquiriu diferentes bens cuxo valor excedía de forma notoria a súa capacidade económica de orixe lícita" xa que non acreditou ningunha fonte de ingresos á marxe do diñeiro que obtivo por actividades do narcotráfico entre 1996 e 2002.
O acusado valeuse de persoas do seu círculo máis inmediato "para encubrir a orixe delituosa do diñeiro procedente do tráfico de drogas".