23 empresas optan a facer o saneamento pendente en Mourente e Bora
Por Redacción
Un total de 23 empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras de saneamento pendentes nas parroquias de Mourente e Bora, que ten un orzamento de 987.982,53 euros e un prazo de execución de nove meses.
Así se desvelou tras a xuntanza da mesa de contratación deste proxecto que recolle as obras necesarias para conducir as augas vertidas nos lugares de O Pazo, Carabelos, Eirós na parroquia de Mourente, e Leirados en Bora, ás súas conexións coa rede existente ata facelas chegar á planta depuradora situada en Praceres.
Son 5.000 metros lineais de tubaxes, aos que se sumará unha rede de recollida de augas pluviais de 852 metros lineais, tamén na estrada de Ourense. Serán tubos de 400 milímetros cos seus correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros.
Trátase de instalar arredor de cinco quilómetros de tubaxes seguindo a estrada de Ourense N-541 entre os quilómetros 88, 89 e 90, para dar servizo a unhas 160 vivendas.
Nesta licitación inclúense como melloras a instalación da rede de abastecemento neste ámbito e completar o saneamento ata o núcleo de Leirados, na parroquia de Bora.
Con este proxecto, a parroquia de Mourente tería practicamente completo o seu sistema de saneamento.
Relacionadas:
-
As obras para completar o saneamento de Mourente iniciaranse antes de final de mes
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación aproba o convenio para o saneamento de Bora, Mourente e o río dos Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Mourente completará o seu saneamento antes de que acabe o ano
Por Alejandro Espiño |
-
Amplíase o saneamento en Mourente e Bora cun investimento que supera a cifra de 1.270.000 euros
Por Redacción |