Detido por roubar nun bazar chinés e encerellarse nunha pelexa cos donos
Por Redacción
A Policía Nacional detivo un pontevedrés con múltiples antecedentes policiais por roubar nun bazar chinés da cidade e encerellarse nunha pelexa cos responsables do local que o sorprenderon nas súas accións e tentaban impedirlle que fuxise levándose material.
Todo ocorreu sobre as 21.00 horas deste mércores 27 de abril. Os responsables do bazar chinés da rúa Blanco Porto chamaron á Policía Nacional alertando de que un home entrara no local e estaba forcexando con varias persoas.
Unha patrulla policial desprazouse ata o lugar e, á súa chegada, os axentes atopáronse cunha escena rechamante. Os donos do negocio e o presunto ladrón estaban no chan do local encerellados nunha pelexa.
Os policías separaron a todos os implicados na o pelexa e entrevistáronse cos responsables do local, que lles relataron que o outro individuo entrara no local e tentara roubarlles. Non era a primeira vez que o facía e xa no pasado levou obxectos do establecemento, por iso é polo que tentaron pararlle os pés.
O suposto ladrón resultou ser un veciño de Pontevedra de 48 anos con múltiples antecedentes policiais e os axentes procederon á súa detención como presunto autor dun roubo con violencia. Unha vez detido foi trasladado a dependencias policiais, onde se tramitou o correspondente atestado.