A CIG reclamará este domingo a anulación da lei mordaza e das reformas laborais
Por Redacción
Con motivo da celebración do Primeiro de Maio, a CIG percorrerá as rúas de Pontevedra nunha manifestación independente da que realizan CIG e CC.OO. Partirá ás 12.00 horas da Praza da Ferrería co obxectivo de defender á clase traballadora nun momento no que o sindicato nacionalista denuncia o incremento de traballadores pobres.
Neste sentido, desde esta central chámase a atención sobre a precarización das condicións de traballo coa intención por parte da patronal de pagar parte do salario en especie, como sucedeu na negociación do convenio da conserva; a utilización de ERE's para abaratar salarios, a ampliación da xornada laboral ou a normalización dos contratos por horas.
Desta forma, desde a CIG consideran que o goberno do Estado e a Unión Europea están a acceder a que a patronal siga rebaixando os dereitos dos traballadores. Por este motivo, Marcos Conde, secretario comarcal da CIG, considera fundamental saír á rúa para manifestarse e mostrar o malestar ante as reformas laborais levadas a cabo polo PP e polo PSOE.
Ao mesmo tempo, reclaman a inmediata derrogación da Lei Mordaza e, neste sentido, fan un chamamento para que a poboación galega esixa a autoorganización para resolver os problemas económicos de Galicia.
Desde a CIG non apoian unha manifestación unitaria cos outros sindicatos, ao entender que non comparten os acordos estatais que CC.OO. e UXT defenderon en diversas ocasións.