No presente ano resolveranse os recursos pendentes das concentracións parcelarias de Troáns
Por Redacción
O edificio da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra acolleu este xoves unha reunión entre o alcalde de Cuntis, Manuel Campos e representantes da Xunta Local da concentración de Troáns I e II, o xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo e o delegado territorial, José Manuel Cores, na que se analizou o avance destas parcelarias.
Os representantes da Xunta avanzaron que ao longo do presente ano resolveranse os 161 recursos pendentes (106 en Troáns I e 55 en Troáns II), e elaboraranse os acordos de reestruturación. Así, está previsto que ao longo do 2016 se actúe sobre as bases definitivas, co obxectivo de poder asignar as novas parcelas a cada propietario de xeito que poidan xa comezar a traballar nelas.
No caso da de Troáns II, conta cunha rede principal de camiños de 3,6 quilómetros e 6,9 de camiños secundarios. Esta concentración está conformada por 2.917 parcelas, 465 propietarios e permitirá concentrar un total de 147 hectáreas. No caso de Troáns I, as hectáreas a concentrar son 354 con 794 beneficiarios.
As concentracións parcelarias do concello de Cuntis están a reestruturar un total de 2.540 hectáreas, beneficiando a un total de 4.362 propietarios.
Na súa execución, a Xunta de Galicia investiu xa 3,6 millóns de euros, atopándose xa finalizadas a de Arcos de Furcos, a de Cuntis-Sector II, a de Estacas, a de Ferreiros, a de Piñeiro-Estacas-Cuntis (3 sectores) e a de Portela-Couselo.