UGT e CC.OO. lembrarán o Primeiro de maio que é necesario traballo con dereitos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
CC.OO. e UGT manifestaranse o vindeiro domingo 1 de maio baixo o lema "Contra a pobreza salarial e social", coa intención de lembrar a necesidade da creación de emprego acompañado de dereitos. Ramón Vidal, secretario comarcal de UXT e Eusebio Cousillas, de CC.OO., presentaron a manifestación que se desenvolverá a partir das 11.30 horas desde a praza da Ferrería ata a Subdelegación do Goberno. Ambos coincidiron en destacar a necesidade de que os cidadáns expresen na rúa a reclamación de empregos con condicións dignas.
Ramón Vidal explica que o balance da última reforma laboral é moi negativa e provocou pobreza salarial e social, incrementándose a aparición de traballos precarios.
Neste sentido, Eusebio Cousillas apuntou que os datos da Enquisa de Poboación Activa publicados este xoves 28 demostran ese empeoramento do nivel de emprego. Así apuntou que en España aumentou o paro 11.900 persoas, das que 5.100 pertencen a Galicia, o que significa ao redor da metade. Ao mesmo tempo que se incrementaron en 54.300 os fogares con todos os membros en paro en Galicia, un dato preocupante para determinar a pobreza social, indicou Cousillas, fronte á propaganda que realiza o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Un de cada catro contratos é precario e iso provoca unha situación dramática, afirmou o representante de Comisiones Obreiras, nun momento duro e difícil con fracaso das políticas económicas que levaron a cabo no últimos catro anos.
Por este motivo, fan un chamamento á responsabilidade política. E apuntou que na comarca hai empresas cunha situación complicada como a de Elnosa, Linorsa ou os empregados do Parque de Maquinaria da Deputación provincial.
Os dous dirixentes lamentaron que non exista unidade sindical debido á oposición por parte da CIG. Entenden que xustificar esta negativa nos acordos que UXT e CC.OO. asinan para todo o Estado carece de sentido cando todos os sindicatos deberían estar unidos neste tipo de actos porque existe "un mimetismo nas reivindicacións", engadiu Ramón Vidal.
Relacionadas:
-
Arredor do 80% do persoal de Linorsa secundou a primeira xornada da folga nos centros de saúde
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
UGT e CC.OO. esixen no Primeiro de Maio un plan de choque para crear emprego digno
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A reforma laboral provocou un incremento do 15% de desempregados en Pontevedra
Por Redacción |
-
O 54% das mulleres de Pontevedra encóntranse desempregadas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |