Denuncian que un tractor volve causar danos nun petróglifo en Campo Lameiro
Por Redacción
En xaneiro de 2015 un tractor que realizaba tarefas de roza no parque rupestre de Campo Lameiro pasou por enriba dun dos petróglifos e causou danos na rocha coas cadeas metálicas. Pouco máis dun ano despois, a escena volveuse repetir no municipio, pero neste caso afectando a un petroglifo situado no monte veciñal do lugar de Parada, parroquia de San Isidro de Monte.
Aínda falta unha comprobación detallada do monte rozado, pero xa se localizou unha laxe con gravados circulares situada a ras do chan que foi seriamente afectada por unha desbrozadora que, "para maior escándalo", deixou a pegada das súas rodas. Estas tamén se comproban enriba dos gravados circulares.
Segundo denunciou o colectivo na defensa do patrimonio A Forneiriña, o petróglifo afectado é o coñecido como Chan do Carbón 3, inventariado coa referencia GA3600098, e o tractor desbrozador pasou sobre os círculos prehistóricos coas rodas e coas cadeas de metal.
O colectivo denuncia que a práctica do rozado incontrolado dos montes está a afectar seriamente a numerosos bens patrimoniais, pois os traballos adoitan facerse sen coidado, garantías, vixilancia e seguimento de persoal experto e coñecedor do monte. Isto converte o patrimonio xeolóxico e arqueolóxico "nun espazo degradado e ameazado".
Ao respecto, recordan que preservar o patrimonio cultural situado no monte é responsabilidade da Xunta de Galicia e dos concellos, pero as consellerías de Medio Rural e Cultura non controlan, coordinan nin supervisan axeitadamente as actuacións en montes con patrimonio arqueolóxico para evitar os danos que con tanta frecuencia se adoitan producir. Segundo aseguran, tampouco o Centro de Interpretación do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro fai un seguimento das áreas que albergan gran cantidade desta arte.
Relacionadas:
-
Descobren novos petróglifos no parque arqueolóxico de Campo Lameiro, un "inusual na arte rupestre"
Por Redacción |
-
185.000 euros para a mellora do Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro
Por Redacción |
-
AnovaTerra pide a intervención do Estado ante o "abandono" do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro
Por Redacción |
-
Piden a dimisión do director do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro polos últimos danos a petróglifos
Por Redacción |
-
AGE pide sancionar á empresa que xestiona o parque rupestre de Campo Lameiro pola destrución dun petroglifo
Por Redacción |
-
Cultura minimiza os danos infrinxidos por unha desbrozadora no petróglifo de Campo Lameiro
Por Oskar Viéitez |
-
Un tractor destrúe un petróglifo do parque rupestre de Campo Lameiro
Por Redacción |