Case 15.000 euros para mellorar as posibilidades escénicas do Centro Cultural Xaime Illa
Por Redacción
O Concello de Poio solicitará unha subvención de 14.863,68 euros para poder afrontar unha serie de reformas no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó para mellorar as súas posibilidades escénicas.
É o proxecto que a concellería de Cultura, que dirixe agora Lida Salgueiro, presentará ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a convocatoria de axudas para equipamentos e a mellora de instalacións e locais culturais dos concellos galegos.
A Xunta de Goberno local aprobou este luns o proxecto para a dotación do equipamento escénico, audiovisual e de iluminación deste centro cultural.
O goberno municipal trata de reforzar as posibilidades escénicas do Xaime Illa, onde anualmente se celebran un gran número de actividades culturais e formativas, entre elas, gran parte da programación teatral do ciclo PoioEscena.
Así, preténdese realizar melloras na iluminación do escenario e na infraestrutura do mesmo e a dotación dun equipo de computador portátil e proxector para completar os equipamentos existentes e poder dinamizar o local con novos usos.