Libera propón que se delimiten áreas da cidade abertas para cans por horas
Por Redacción
A Asociación Animalista Libera presentou unha proposta no Concello de Pontevedra para expor a creación dunha rede de zonas de esparexemento para animais no municipio, seguindo o funcionamento das iniciativas que xa se desenvolven en cidades como Madrid, Barcelona ou Zaragoza, e cuxa finalidade primordial é fomentar a convivencia responsable entre persoas e animais.
A proposta dos animalistas é superar o modelo de área canina pechada, que non posibilita xerar un clima de convivencia e responsabilidade para as persoas que custodian animais, e que a cidade do Lérez sexa pioneira na provincia establecendo áreas abertas, con horarios para poder liberar aos cans das correas en determinadas zonas da cidade.
Libera propón ao Concello que elabore un mapa no que os barrios poidan ser aptos para cans sen correa en determinados espazos, como as prazas, nun horario pautado, por exemplo de 19.00 a 22.00 horas. Iso si, sempre respectando criterios como a non proximidade a áreas de xogos infantís ou a elaboración dun decálogo de normas e deberes que os responsables dos animais deben cumprir, entre eles a recollida de deposiciones.
A iniciativa baséase na situación actual de Pontevedra, onde cada vez máis establecementos comerciais e de hostalería son "amigables" cos animais, permitindo o seu acceso e promocionándoo como un valor engadido máis do propio negocio. Lembran que en Europa é habitual a entrada flexible dos mesmos en espazos públicos e mesmo nos medios de transporte colectivo, como o autobús ou o metro.
Segundo indican os animalistas, a proposta non ten un gran impacto económico, xa que o "groso" do gasto produciríase na adquisición e colocación da cartelería informativa e na elaboración dunha campaña de sensibilización para dar a coñecer o funcionamento a través das asociacións de veciños e asociacións de pais (ANPAS) das zonas delimitadas.