Medio Ambiente compromete 11 millóns de euros en 2016 para sanear a ría
Por Redacción
Os representantes das confrarías de Pontevedra, Lourizán e Raxó, ademais do presidente da Asociación polo Saneamento da Ría mantiveron un encontro coa conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, para tratar o problema do saneamento da ría de Pontevedra.
Segundo a representante da Consellería, o seu departamento investirá neste 2016 máis de 11 millóns de euros en catro actuacións para mellorar a situación da ría.
Neste sentido apuntou que se destinarán 1,5 millóns á redacción do plan de saneamento local da ría; 4 millóns serán para as melloras da infraestrutura hidráulica no concello de Marín e, por último, contempla a construción da depuradora de Poio, cun orzamento de 5,7 millóns de euros. Este último proxecto atópase pendente de que o goberno local determine en que lugar se pode construír, segundo apuntan desde a Consellería.
Beatriz Mato tamén indicou que dentro do Plan Hidrolóxico, a través de Fondos europeos Feder, está previsto investir 45 millóns de euros en Praceres, para a ampliación e a mellora da estación depuradora. A este orzamento sumaríanselle os 15 millóns comprometidos por parte da empresa pasteira Ence.
Segundo a Xunta, levan investidos 11,5 millóns de euros en 23 actuacións na ría desde o ano 2009 en diferentes concellos da comarca. Ademais, a conselleira sinala que a depuradora de Praceres conta cun contrato de explotación desde 2007 cun investimento de case 24 millóns. Mato apunta que Pontevedra é a única capital galega na que unha depuradora non é xestionada polo propio concello.
Desde a administración autonómica afirman que Augas de Galicia adxudicará en breve a redacción do Plan de saneamento da ría, que se converterá nunha ferramenta fundamental para mellorar o estado das augas.
A Xunta convocará unha reunión na que quere establecer un encontro entre as diferentes entidades locais para tratar de establecer as fórmulas que permitan resolver a contaminación da ría pontevedresa.
Relacionadas:
-
A Xunta pide a Costas a "máxima celeridade" para regularizar e ampliar a EDAR de Praceres
Por Redacción |
-
A conselleira de Medio Ambiente aplaude as promesas en investimentos anunciadas por Ence
Por Redacción |
-
Colectivos pro-saneamento da ría piden aos concellos que apoien a Marcha contra Ence do 4 de xuño
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O sector extractivo da ría: "Queremos que Ence marche, pero o que máis nos está afectando é o saneamento"
Por Alejandro Espiño |
-
As Mareas e os sectores produtivos, preocupados pola "morte lenta pero continuada" da ría
Por Redacción |
-
Esixen ao Concello "medidas concretas" para avanzar no saneamento da ría
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A nova depuradora de Praceres tamén será cousa de ENCE
Por Redacción |