Dous detidos no Salnés nunha operación que permitiu intervir 56 quilos de heroína, a maior aprehensión este ano en Europa
Por Redacción
Dous veciños da comarca do Salnés figuran entre os doce detidos pola Policía Nacional no marco dunha operación que permitiu incautar en Tui máis de 56 quilos de heroína procedente dos Países Baixos e que se atopaban ocultos en habitáculos especialmente preparados na carrocería dun vehículo. Trátase, segundo a Policía Nacional, da maior aprehensión deste estupefaciente realizada en Europa no que vai de ano.
Os doce detidos están considerados membros dunha organización de orixe hispano-albanés, dedicada á distribución deste opiáceo a gran escala e a nivel internacional.
Nos rexistros domiciliarios realizados, tanto na provincia de Pontevedra -incluído O Salnés- como en Barcelona, onde residía gran parte do grupo, interviñéronse 350.000 euros, sete vehículos de alta gama, básculas para o peso do estupefaciente, máquinas de contar diñeiro, munición de armas de fogo e un silenciador, entre outros efectos.
A investigación contou coa colaboración da Policía Xudiciaria portuguesa e culminou coa desarticulación desta rede que traficaba coa droga procedente dos Países Baixos e cuxo destino final era Galicia e Portugal. A operación foi realizada por axentes das Udyco das xefaturas superiores de Policía da Coruña e Cataluña.