O Campus de Pontevedra ten 3.903 alumnos
Por Oskar Viéitez
A Universidade de Vigo soportou este curso un lixeiro descenso na suma total de matriculados: 22.645 alumnos no 2012/2013 fronte aos 22.774 do curso 2011/2012, apenas un 0,56% menos.
Por campus, o vigués aglutinou ao 58,89% do estudantado e un total de 13.336 inscritos, fronte aos 4.557 alumnos (20,12%) de Ourense e os 3.903 (17,23%) de Pontevedra. A esta cifra hai que engadirlle os 397 alumnos de intercambio ou estranxeiros que fixeron unha estadía nesta institución (o 1,75% do total) e os 452 matriculados no Programa de Maiores (1,99%).
Un total de 3.758 mozos elixiron este curso algunha das escolas ou facultades da Universidade de Vigo para iniciar os seus estudos universitarios.
O número se traduce nun 95% de prazas cubertas ofertábanse 3.919- e nun incremento de alumnado de novo ingreso dun 1,5% con respecto ao curso pasado, cando se matricularan na institución académica viguesa 3.699 novos estudantes.
Os bos datos repítense nos tres campus, xa que as cifras de matrícula incrementáronse tanto en Ourense, onde pasan de 841 novos alumnos a 853; como en Pontevedra, de 773 a 779; e en Vigo, de 2.085 a 2.106.
En Pontevedra, o centro con maior número de alumnos matriculados de novo ingreso é Ciencias da Educación e do Deporte, con 229 novos alumnos, seguido de Ciencias Sociais e da Comunicación, con 188, e Belas Artes con 127.
No Campus pontevedrés oito graos cubriron todas as súas prazas: Belas Artes, Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Comunicación Audiovisual, Educación Infantil, Educación Primaria, Enfermaría, Fisioterapia e Publicidade e Relacións Públicas.