Ponte Caldelas denuncia o bloqueo da Xunta ás obras da PO-234 Laxoso-Augasantas
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, denunciou publicamente a "falta de colaboración da Xunta de Galicia" para abordar un dos problemas que está a suscitar maior preocupación social no seu municipio, como é o "pésimo estado" da estrada PO-234 entre Laxoso e Augasantas, un vial moi transitado que une o territorio caldelán con Cotobade e que presenta un "alto nivel de perigosidade".
Hai case cinco meses que a Alcaldía solicitou unha entrevista coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, sen recibir resposta. Máis aínda, diante dunha solicitude oficial para a remisión do proxecto, o consistorio recibiu uns vellos planos do ano 1905. Solicitado novamente o proxecto hai un mes, segue sen recibirse.
O alcalde rexeita este xeito de actuar, que contrasta co envío do proxecto "de oficio" ao veciño Concello de Cotobade. "Un exemplo lamentable de partidismo, pois os expedientes administrativos non deberían estar a disposición dos concellos en función da cor política", recalca Andrés Díaz.
"Parece que hai que lembrarlles que os veciños teñen os mesmos dereitos e merecen o mesmo respecto por parte da Xunta de Galicia na atención das súas solicitudes e reclamacións", dixo o alcalde.
"Este bloqueo non é casual", denuncia Díaz, lembrando que se produce despois de que o delegado territorial da Xunta, Xosé Manuel Cores Tourís, condicionara as obras á cesión dos terreos. O Concello, explica o alcalde, púxose a traballar inmediatamente cos veciños e atopou unha "magnífica sensibilidade" para asinar as correspondentes actas de cesión. "Debo agradecer a actitude dos afectados, porque todo o mundo entendeu que o Concello de Ponte Caldelas estaba sendo obrigado a substituír á Xunta no proceso de obtención dos terreos para ampliar unha estrada autonómica", explicou o alcalde. Non obstante, o procedemento é imposible sen dispoñer antes do proxecto e de identificar as parcelas necesarias. De aí o retraso no envío.
O alcalde adianta que "nin o Concello nin os caldeláns van permanecer calados diante deste agravio comparativo". "O certo", recalca Andrés Díaz, é que a Xunta de Galicia inviste "cero" euros en Ponte Caldelas durante este ano 2016, "mentres anuncia millóns noutros municipios de menor poboación".
Relacionadas:
-
Afectados pola PO-234 inician un diálogo "franco e aberto" cos alcaldes de Cotobade e Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Cotobade está a ser "moi ben tratada pola Xunta"
Por Redacción |
-
O goberno local suxire a Feijóo que aproveite a súa estancia en Ponte Caldelas para coñecer os problemas do municipio
Por Redacción |
-
A plataforma de afectados pola PO-234 esixe que a estrada se reforme "dunha tacada"
Por Redacción |