Inician os trámites para a declaración como BIC do Pazo de Quintáns
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia publica este venres a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia pola que se inician os trámites para declarar como ben de interese cultural (BIC) o Pazo de Quintáns, en Noalla.
Os valores do conxunto do pazo e os seus bens integrantes, así como a súa "singular" relación co territorio, coa paisaxe circundante e coa comunidade viva en que se localiza, o Pazo de Quintáns posúe, segundo sinala Patrimonio "valores culturais artísticos, históricos, arquitectónicos e etnográficos sobranceiros" que aconsellan a súa declaración como ben de interese cultural de Galicia.
O Pazo de Quintáns, tal e como recolle esta resolución, preséntase como o lugar de referencia da antiga xurisdición da Lanzada, terra de vida e comercio desde o século VIII antes de Cristo, como evidencian as escavacións históricas e recentes do xacemento costeiro.
Consérvanse neste pequeno conxunto homoxéneo o pazo, a capela, as construcións auxiliares e o hórreo; ademais dos espazos verdes: patios, praza frontal, xardín e horta murada, todos eles cunha configuración adquirida desde finais do século XVI como posible evolución da torre do Casal de Moldes e, no seu caso, herdeira da súa relevancia histórica.
Patrimonio apunta que existen valores arquitectónicos e artísticos "evidentes" na calidade construtiva de cada parte que compón cada unha das súas pezas, máis alá da edificación residencial principal, dos diferentes miradoiros ou os douscentos cincuenta e cinco vidros, que actúan como malla de composición da baía da Toxa, do Monte Siradella e da illa de Ons.
O Pazo de Quintáns atesoura tamén, segundo Patrimonio, os valores históricos asociados a unha das liñaxes de referencia da comarca do Salnés, os Paadín, vasalos dos Soutomaior que, no século XV, contaban no lugar con pazo, hortas, casas, unha torre e escudeiros, e que, séculos máis tarde, promoveron a construción da casa da Pedreira en Pontevedra, actual pazo de Mugartegui.
A partir desta resolución, ábrese un prazo dun mes para que as persoas que poidan ter interese en examinar o expediente poidan presentar alegacións.
Relacionadas:
-
Sanxenxo quere convertir o Pazo Quintáns nun museo cultural da Lanzada
Por Redacción |
-
O Pazo Quintáns, a un trámite de ser declarado BIC
Por Redacción |
-
Os veciños de Noalla coñecen o proxecto previsto para o Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
Sanxenxo xa pode pedir a declaración de BIC para o Pazo de Quintáns
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo solicita a declaración como BIC do Pazo de Quintáns
Por Redacción |