A Xunta saca a concurso 178 dereitos mineiros
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Economía e Industria pon en marcha o concurso para lograr a explotación de minas en desuso na provincia de Pontevedra.
Segundo informou o director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, este sector xera en Galicia 4.500 postos de traballo directos, cunha facturación anual de 322,7 millóns de euros. Calcúlase que cada posto de traballo directo xera outros catro indirectos polo que Tahoces sitúa en 22.800 as persoas vinculadas a este sector.
Na provincia de Pontevedra son un total de 68 explotacións, que supoñen o 22% de Galicia, con 745 postos de traballo directos e unha facturación anual de 55 millóns de euros.
A Xunta trata de reactivar este sector produtivo e por isto, tras revisar os permisos de explotación caducados volveraos a sacar a concurso.
Na provincia de Pontevedra son 745 postos de traballo directos e unha facturación anual de 55 millóns de euros
En Pontevedra son un total de 178 dereitos dos cales tan só 8 son concesións de explotación e o resto son permisos de investigación. A gran maioría cunha oferta centrada no granito ornamental (157 concesións), aínda que tamén hai outros intereses como o ouro, a andalucita, o zinc, a prata, o litio ou o tantalio.
Tahoces apunta que as expectativas de crecemento para o sector non se centran só nos concursos mineros.
Bernardo Tahoces foi incapaz de cuantificar o beneficio que este concurso suporá para as arcas autonómicas. Aínda que en principio a Xunta recibirá tan só como ingreso destas empresas as taxas administrativas correspondentes xa que o canon que se aplica ao material obtido será ingresado nas arcas estatais.
O director xeral de Enerxía e Minas mostrou a súa confianza en que este proceso sirva para revitalizar o impacto da minería que nestes momentos supón un 2% do Produto Interior Bruto da comunidade.
Ángel Bernardo Tahoces destacou que a Consellería aposta por unha minería "moderna, segura, medioambientalmente sostible e comprometida social e económicamente con Galicia" e puntualizou que o concurso resolverase a favor daquelas propostas que ofrezan "as mellores condicións técnicas, ambientais, económicas e sociais".