Piden á Xunta que se regule o aluguer de vivendas particulares para vacacións
Por Redacción
O sector turístico das Rías Baixas empeza a pensar que a ansiada regulación dos chamados apartamentos turísticos, esas vivendas particulares que se alugan para uso vacacional, non se aprobará antes do verán. Por iso, instan á Xunta de Galicia a aprobar definitivamente tanto a normativa que se aplicará a esta actividade como o novo decreto de regulación para hoteis e aloxamentos profesionais.
Este decreto de regulación de vivendas turísticas, que xa pasou todas as fases e que só espera a ser aprobado, establece o ordenamento dos apartamentos e vivendas de uso turístico, que permite regular o uso vacacional das vivendas particulares, establecendo uns requisitos mínimos, unha medida imprescindible para regularizar esta práctica.
Na redacción deste decreto participou activamente o sector, que entende que a súa aprobación permitirá crear un marco de regulación destas vivendas, moitas das cales viñeron desenvolvendo a súa actividade económica alleas ao control administrativo e tributario.
Esta situación, segundo entidades como o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) ou a Asociación de Empresarios de Hospedaxe de Pontevedra (Asehospo), "dana ao conxunto do sector turístico galego tanto polo impacto socioeconómico que leva aparellada a explotación sen control deste tipo de aloxamentos como pola competencia desleal que supón para o resto dos aloxamentos".
Se toda a oferta de aloxamentos está regrada, tanto a profesional como a particular, haberá segundo o sector, tanto unha maior seguridade nas persoas usuarias e unha maior satisfacción do cliente, como unha igualdade de condicións en termos de competencia, fiscalidade e tributación co resto do sector.
"Non se trata, pois, de poñer portas ao campo ou de limitar os novos usos de comercialización turística se non de adaptar a normativa e as esixencias legais e administrativas a un novo modelo de comercialización turística que poña coto ao intrusismo e garanta a calidade do conxunto do aloxamento", sinalan desde o CETS.
Coa posta en marcha da figura das vivendas de uso turístico dáselle, sinalan os empresarios, un amparo legal a aquelas empresas ou particulares que desexen comercializar o seu aloxamento como turístico -en portais por exemplo tipo Booking- e aclarar definitivamente os diferentes modelos de negocio, "dando opción a que se arrende este tipo de aloxamentos dentro do arrendamento de vivenda de uso particular ou dentro das canles turísticas".
A norma permite traballar, engaden os empresarios do sector, "por un sector turístico regulado e de calidade, no que se atallen algúns dos problemas que se asocian ás prácticas de aluguer de vivendas particulares para usos turísticos".
Relacionadas:
-
A partir de maio, haberá multas para as vivendas turísticas sen licenza en Galicia
Por Redacción |
-
As vivendas turísticas buscan o apoio do Concello ante a presión do "lobby" hoteleiro
Por Alejandro Espiño |
-
A asociación de propietarios da vivendas turísticas critica a Feijóo por non recibilos
Por Oskar Viéitez |