Lores e Caballero escenifican un "diálogo permanente" entre Pontevedra e Vigo
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
O alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero fixo este mércores a súa primeira visita institucional ao Concello de Pontevedra, escenificando xunto ao rexedor da capital, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, o novo escenario de "diálogo permanente" entre ambas as cidades, "fundamental para Galicia" e de "mutuo beneficio".
"Non é unha visita calquera, non é rutina. Ten gran importancia", salientou Abel Caballero.
Antes desta recepción oficial xa houbo outros encontros privados, como ambos mandatarios confirmaron. Tamén explicaron que este xiro nas relacións entre a maior urbe de Galicia e a capital da provincia, foi propiciado pola boa sintonía que atoparon socialistas e nacionalistas no goberno provincial.
De feito a presidenta e o vicepresidente da Deputación, Carmela Silva (PSOE) e César Mosquera (BNG) acompañaron aos alcaldes nesta cita.
Ao concluír este encontro, nunha comparecencia conxunta en rolda de prensa, ambos os alcaldes comprometéronse a seguir traballando para "potenciar o que une" ás dúas cidades respecto de "temas específicos".
Por exemplo, en cuestións como a "conectividade" reclamarán a construción dunha nova autovía alternativa á autoestrada e a gratuidade nas peaxes da AP-9 e que a conexión ferroviaria ente ambas as cidades sexa considerada como un servizo de proximidade, abaratando o seu custo e incrementando a frecuencia das viaxes, beneficiándose das axudas que o Estado destina a este transporte, algo que está "absolutamente xustificado".
Fernández Lores e Abel Caballero avogaron por "fixarnos máis nos aspectos positivos", da relación entre ambas as cidades e "non darnos as costas" destacou Lores, que comentou futuras vías de colaboración en materia turística, cultural e mesmo deportiva.
"É o principio dun diálogo permanente entre dúas cidades que teñen que ter andaina conxunta", prometeu Caballero.
Sobre a mesa quedaron outros asuntos dos que só se tratou "moi por encima" como foron o financiamento municipal ou a Universidade.
Normalidade, fluidez, colaboración, interrelación, camiños conxuntos... foron os temos máis utilizados por os dous alcaldes que quixeron deixar unha mensaxe clara de respecto e colaboración institucional e de aposta polos veciños de dous cidades que están "destinadas a entenderse e complementarse e que teñen intereses compartidos".
Un contido que tamén quedou reflectido na dedicatoria deixada polo alcalde da cidade olívica no libro de honra do Concello: “Na miña primeira visita como alcalde de Vigo á cidade de Pontevedra e ao seu alcalde Lores co desexo de camiño conxunto na búsqueda do progreso”.
O alcalde de Pontevedra devolverá posteriormente a visita institucional a Vigo, segundo confirmou Fernández Lores.
Relacionadas:
-
A ruptura do pacto entre o PSOE e o BNG en Lugo non afectará a Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Lores e Caballero reiteran en Vigo a vontade de colaboración entre as dúas cidades
Por Alejandro Espiño |
-
Moreira ataca a Lores por non defender a capitalidade ante Abel Caballero
Por Redacción |
-
Pontevedra e Vigo, confirmadas como sede do Mundial Junior de Balonmán 2019
Por Diego Espiño |
-
Abel Caballero ve a Tino Fernández como o "referente" do PSOE en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |