O solar de Tafisa dispoñerá dunha parcela para autocaravanas
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A corporación de Pontevedra coñeceu este luns o proxecto do goberno local para habilitar unha parcela para autocaravanas no antigo solar da fábrica de taboleiros de Tafisa situada a beiras do río Lérez. Foi no transcurso do pleno ordinario deste mes de abril.
Con esta proposta o goberno municipal do BNG aparca a súa idea de facilitar a creación dun hotel de catro ou cinco estrelas nestes terreos próximos ao Pazo de Cultura e ao Recinto Feiral, nunha contorna de fran calidade ambiental e a un paso do centro da cidade.
O solar é de titularidade municipal e conta con 3.173 metros cadrados de superficie localizados entre as rúas José Malvar e avenida de Bos Aires, é dicir, trátase da leira máis próxima á ponte dos Tirantes.
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, explicou que levan varios meses traballando na creación desta área de estacionamento para caravanas e detallou que a proposta foi tratada coa Asociación Galega de Autocaravanas.
Proximamente acometeranse pequenas obras de acondicionamento deste espazo, ademais da oportuna sinalización.
A Concellaría confía en ter listo o terreo para este verán
O goberno local opta por esta vía despois de que resultasen infrutuosos os intentos para atopar un investidor privado que apostase pola construción dun hotel de cinco estrelas neste solar, para o que se prevé unha edificabilidade máxima de 8.700 metros cadrados.
Está prevista unha actuación na parcela para acondicionala ás necesidades deste tipo de área. Achantarase, asfaltarase unha parte e faranse depósitos para augas potábeis e grises.
A Concellaría confía en ter listo o terreo para este verán.
Dende o goberno local insisten en que "o Concello segue mantendo como prioridade o uso hoteleiro da parcela, de tal xeito que si chegase a posibilidade de instalar un hotel, este estacionamento de autocaravanas sería trasladado a outra parcela da cidade".
Relacionadas:
-
Estrea ao grande para a área de autocaravanas: 160 vehículos chegados de toda España e Portugal
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
Anabel Gulías calma o malestar dos veciños da contorna de Tafisa co proxecto dun estacionamento de autocaravanas
Por Redacción |
-
Veciños da contorna de Tafisa piden anular o proxecto dun estacionamento de autocaravanas na zona
Por Redacción |
-
O estacionamento de autocaravanas terá cabida para 18 vehículos
Por Redacción |
-
Para as autocaravanas mellor Valdecorvos que os terreos de Tafisa, segundo o PSdeG-PSOE
Por Redacción |
-
Marea Pontevedra reclama a limpeza dos solares da antiga Tafisa
Por Redacción |