A UE, "gratamente sorprendida" con Pontevedra, abre a porta a financiar actuacións de reforma urbana
Por Alejandro Espiño
"Foi unha xuntanza moi agradable". Así valorou Miguel Fernandez Lores o encontro co director xeral de Mobilidade e Transporte da Unión Europea, Matthias Ruete. Unha xuntanza de máis dunha hora de duración e na que Pontevedra saiu moi ben parada. Non só polas loanzas ao seu modelo de cidade, senón ante a posibilidade, máis que real, de que a UE poida financiar próximas actuacións de reforma urbana.
"Sorprendeu moito o modelo urbano de Pontevedra", explicou o alcalde ao remate do encontro. "Estaban moi interesados no enfoque de desenvolvemento urbano, tendo en conta os parámetros de seguridade, accesibilidade e de recuperacion urbana e nos deron a entender que actuacións previstas no noso modelo son susceptibles de financiamento".
Sería a través dun proxecto chamado Civitas Forum, "no que presentaremos propostas de actuación urbana que poidan recibir eses fondos, que é o que a min máis me interesaba", dixo Fernández Lores. Asegurou que está convencido de que estanse financiando proxectos "que non son nin a cuarta parte de interesantes que os nosos". De aí que insistise na importancia de integrarse nesta rede comunitaria "o que nos abrirá a porta á financiación de proxectos emblemáticos ou que son importantes. Estaremos moi ben colocados".
"Nós queremos continuar o proceso de mellora de calidade urbana en toda a cidade e para iso necesitamos cartos. Non podemos chegar a todo o mundo. Con esta axuda europea presentaremos proxectos adecuados a esta filosofía nos barrios periféricos, pero insisto, para seguir ampliando este modelo e recuperando espazos públicos fan falta cartos e neste sentido transmitíronos a grata impresión de que estamos na liña correcta", reiteró Miguel Fernández Lores.
Pero co que de verdade estaba orgulloso o alcalde de Pontevedra é polo interés que mostraron os dirixentes da Unión Europea no modelo urbano. "Quedaron gratamente sorprendidos, porque viron en nós a plasmación dunha serie de liñas de traballo que Europa intenta aplicar para facer cidades máis habitables", dixo Fernández Lores. "A experiencia de Pontevedra corrobora as súas teses, demostramos na práctica que funciona e que se pode conseguir".
"Fixéronos moitas preguntas", bromeou o alcalde capitalino. "Dixéronme directamente que aprendían máis en reunións pequenas como esta que en debates de alto copete". E como curiosidade, destacou que o director xeral de Mobilidade e Transporte da UE preguntoulle se coñecía á ministra de Fomento, Ana Pastor. "Eu lle dixen como non a vou coñecer se é de Pontevedra", recoñeceu Fernández Lores entre risas. De feito destacou que a propia ministra chamouno persoalmente para disculparse por non acudir á entrega do premio Intermodes, "pero díxome expresamente que se facíamos algo en Pontevedra ela quería estar".
Foi un dos momentos máis distendidos dunha xuntanza na que Matthias Ruete tamén lle preguntou ao alcalde como era posible que fora reelixido tras aplicar todas as medidas incluidas no modelo urbano. "Eu lle dixen que porque é un modelo que lle gusta a todo o mundo. Ao final, os cidadáns están orgullosos da cidade e están contentos co modelo que temos". E para que o vise por el mesmo, invitouno a visitar Pontevedra. "Dixo que estaría encantado e cando me dixo que a súa muller era do País Vasco francés, tratei de convencelo coa gastronomía, porque se alí se come ben, en Pontevedra un pouco mellor".
ÿ o balance dunha xuntanza "moi positiva" para o alcalde de Pontevedra, que tamén adiantou outra nova. O Concello de Pontevedra organizará un acto aberto á cidadania, para o que aínda non hai data, para "ofrecer á cidade un premio que é de todos, dunha gran maioría que apostou por isto, que axuda a que a cidade avance e que se sinte orgullosa dela". A el estarán invitados de novo o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustin Hernández, e o presidente da Deputación, Rafael Louzán, que disculparon a súa ausencia en Bruxelas. "Igual como vai vir a ministra estarán máis interesados", concluiu, entre risas, Fernández Lores.