Conta atrás para que Pontevedra reciba en Bruxelas o premio Intermodes polo seu modelo de cidade
Por Alejandro Espiño
"Bon jour", saudaba un sorrinte Miguel Fernández Lores á comitiva que o esperaba para poñer rumbo a Bruxelas, cidade na que Pontevedra recollerá un novo premio ao seu modelo urbano. Animado xa desde primeira hora, non parou de bromear ata chegar á capital belga. Unha viaxe, con puntualidade británica que apenas lle deixou tempo ao alcalde para comer. Esperábao o director xeral de Mobilidade e Transporte da Union Europea, Matthias Ruete. Era a primeira cita marcada en vermello na súa estancia en Bruxelas.
Pero en todo caso, o día grande para Pontevedra será mañá. Ás 12.00 horas, o alcalde recollerá de mans da organización de Intermodes o premio da presente edición. ÿ un galardón que recoñece a aquelas autoridades europeas que destacan pola súa vontade política e os seus esforzos enxeñosos" para mellorar a mobilidade dos cidadáns a través da intermodalidade: conectando medios de transporte uns con outros.
No caso de Pontevedra, Intermodes quere premiar o proxecto Metrominuto. Trátase dun mapa que, imitando as liñas de metro, mostra información sobre as distancias a pé entre as principais localizacións de Pontevedra e o tempo que nos leva percorrer cada unha delas. Queren amosar así que "no que a intermodalidade se refire, non hai proxectos grandes ou pequenos, máis ben proxectos audaces, e o Metrominuto é un deles".
En todo caso, a organización de Intermodes matiza que máis aló da iniciativa Metrominuto, "a nosa verdadeira intención é recoñecer o modelo urbano aplicado en Pontevedra e a súa política sustentable de mobilidade intermodal proposto por esta cidade española". Entenden que este modelo urbano é exportable a cidades de tamaño similar a Pontevedra, "máis numerosas en Europa que as grandes urbes".
Pontevedra é a primeira cidade europea en conseguir este galardón. Instaurado en 2009, os anteriores premiados foron proxectos fronteirizos conxuntos da rexión alemá de Lorena e Luxemburgo (2009), do Ródano francés e Suiza (2010) ou do estreito de Oresund, que separa unha illa danesa dunha provincia sueca (2011). O último proxecto recoñecido, en 2012, foi o plan de transporte dos Xogos Olímpicos de Londres.
Pero o protagonismo de Pontevedra non rematará coa recollida deste recoñecemento. Despois de recibir o material para o stand do congreso, no que se detalla toda a reforma urbana da cidade, Intermodes convidou ao Concello de Pontevedra a participar como ponente nunha das mesas redondas. En concreto, para expoñer a súa experiencia en materia peonil ao do Grand París e a de Amsterdam. Será o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle o que faga esta exposición sobre o modelo de mobilidade na cidade do Lérez.