Esixen ao Concello "medidas concretas" para avanzar no saneamento da ría
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O sector produtivo da ría de Pontevedra protagonizou este venres a primeira das mobilizacións previstas para reclamar medidas concretas para sanear a ría.
A concentración de Pontevedra foi a primeira das protestas programadas ante as administracións que teñen competencia na solución deste problema. As seguintes serán antes os concellos de Poio e Marín e ante a sede da Xunta de Galicia en Santiago. E, aínda que non se manifestarán nos seus concellos, tamén lembraron as súas responsabilidades nesta materia aos gobernos locais de Bueu e Sanxenxo.
Nos seus argumentos os concentrados aludiron ao "indubidable risco para a saúde pública" que recolle a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea polo incumprimento reiterado do tratamento de augas residuais.
Na mobilización participaron máis de duascentas persoas que acudiron á convocatoria feita pola Asociación Polo Saneamento da Ría, cuxo presidente, Andrés Ruano, explicou que o seu obxectivo é "garantir un futuro laboral, a mariscadores, pescadores, acuicultores, hostaleiros, comerciantes e transportistas" que, ao seu xuízo, pasa polo saneamento da ría.
Está previsto que o vindeiro xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, reciba a esta asociación. Este venres, o rexedor achegouse aos portavoces deste colectivo en metade da concentración para trasladarlles o seu apoio "nós estamos totalmente de acordo con este planteamento, outra cousa é que non compartimos o seu diagnóstico".
O alcalde explicou que coinciden "ao cento por cento" na necesidade de sanear ría pero o goberno local de Pontevedra considera que "aquí quen contamina fundamentalmente é Ence e o Concello xa fixo todo o que tiña que facer".
Lores asegurou que leva "17 anos facendo saneamento todos los días de Dios" pero é "o volume de verteduras bestial de Ence o que xera este problema tan gordo" e ademais existe un problema de separación de augas pluviais e fecais "pero ese non é un problema noso senón da Xunta que é a competente nesta materia".
A protesta prodúcese un día despois de que a Xunta fixese público a adxudicación do plan para a mellora da ría, no que Ence comprometeu ata quince millóns de euros para a ampliación da EDAR de Os Praceres.
Neste sentido Fernández Lores afirma que "non creo que os responsables do problema sexan parte da solución" e lembrou que os pontevedreses están a pagar cada ano dous millóns de euros de canon pola auga que utilizan para obras hidráulicas "se a iso engadimos os dez millóns que tiña que pagar Ence sobraba diñeiro para sanear a ría hai anos, outra cousa é que a Xunta non está polo labor".
Relacionadas:
-
Medio Ambiente compromete 11 millóns de euros en 2016 para sanear a ría
Por Redacción |
-
O sector extractivo da ría: "Queremos que Ence marche, pero o que máis nos está afectando é o saneamento"
Por Alejandro Espiño |
-
As Mareas e os sectores produtivos, preocupados pola "morte lenta pero continuada" da ría
Por Redacción |
-
A nova depuradora de Praceres tamén será cousa de ENCE
Por Redacción |
-
A Asociación polo Saneamento da Ría convoca unha concentración ante o Concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Moreira celebra a ampliación da depuradora e acusa a Lores de "desentenderse" do saneamento
Por Redacción |