A Deputación presume de promover a cohesión social fronte á beneficiencia
Por Redacción
O deputado Carlos Font destaca que as novas políticas da institución provincial traballan na liña de que as axudas para servizos sociais se entendan como un dereito e non como beneficiencia.
Desta forma, afirmou este xoves 14 que a partida económica para esta sección incrementouse nun 11% alcanzando a cifra de 4,1 millóns de euros fronte aos 3,6 millóns de 2015. Ademais apunta que desde a Deputación, no últimos nove meses, está a traballarse cos servizos sociais dos Concellos para que desenvolvan os programas no ámbito social para fomentar a igualdade de oportunidades e reservando prazas naqueles casos de persoas que precisan axuda.
As colaboracións a entidades sen ánimo de lucro tamén se incrementaron, segundo expuxo o deputado. Este venres aprobarase o programa En Ruta Depo 2016 e Tecendo lazos a través do que se quere reforzar a interrelación familiar entre os máis novos e os maiores, do mesmo xeito que outro proxecto para favorecer o envellecemento activo.
En relación cos programas de cofinanciación para servizos sociais comunitarios e de axuda no fogar van destinar 2.200.000 euros. Pola súa banda, invístense 465.000 euros para axudas de alimentación, luz, auga e medicamentos para persoas con dificultades e en estado de emerxencia.
XUVENTUDE
A deputada Digna Rivas tamén fixo balance do traballo que se está desenvolvendo desde o seu departamento de Xuventude apuntando que se está impulsando políticas de promoción de emprego para que a mocidade poida ter as súas primeiras experiencias laborais aínda que, aclarou, non lle corresponde á Deputación afrontar estas políticas.
Ademais dos plans xa en funcionamento, poñerase en marcha un programa de participación activa que cun orzamento de 100.000 euros irá destinada á xuventude dos Concellos de menos de 50.000 habitantes. Desta forma promocionaranse actividades como a rodaxe de películas con móbil, hip-hop, monopatín, grafitti, monólogos de rúa, creación de fancines ou cociña. Desenvolveranse desde finais de xuño ata principios de setembro.
Tamén continuará en funcionamento o programa Aventura con campamentos na Lanzada, que por primeira vez contará con 300 prazas gratuítas para menores de familias con escasos recursos. Ademais, Digna Rivas lembrou, entre outras actividades, que, este verán, poñeranse en funcionamento talleres de formación en linguas estranxeiras, sobre todo, en inglés.
Por último, a deputada afirmou que se está traballando nunha nova plataforma web destinada aos mozos para acceder de maneira máis dinámica ás propostas que desenvolve a Deputación provincial, incrementando a inserción social e laboral.