Programan cursos para que os empregados públicos saiban manexar un desfibrilador
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, do subministro de 32 desfibriladores para instalar en municipios da provincia, así como a formación do persoal para o seu emprego.
A través desta actuación, a institución provincial pretende dotar ós espazos públicos desta ferramenta imprescindible para aplicar no caso de paradas cardiorrespiratorias, taquicardias ou fibrilacións ventriculares, a causa máis frecuente de morte súbita.
Este subministro responde á subvención que se aprobou en novembro de 2015, por valor de 200.000 euros, destinada a concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes para, entre outras cuestións, a dotación de desfibriladores. En concreto, a achega estaba destinada, preferentemente, ós concellos que teñen nas súas instalacións públicas menos de tres desfibriladores, tendo prioridade os que non recibisen ningún en anteriores convocatorias.
SUBVENCIÓNS POR VALOR DE 375.800 EUROS
Ademais, a Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha nova relación de subvencións por valor de 375.800,41 euros para gasto corrente e actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais incluídas no Plan Concellos 2016.
Da totalidade do plan, o goberno provincial repartiu xa 12 millóns de euros, é dicir, máis do 30% en tres meses e unha semana de 2016.