Pese ao "descrédito político" o PP de Pontevedra bate o record de afiliacións
Por Oskar Viéitez
O PP de Pontevedra bateu o record de afiliacións pese ao "descrédito político" e a situación económica.
Así o asegurou a secretaria xeral do PP de Pontevedra, Begoña Estévez, que resaltou que non só "non se produciron baixas", senón que acadaron as 34.000 afiliacións, co que bateron o seu récord.
Desta forma, convértese así na provincia galega con máis afiliados e sitúase entre as 10 provincias españolas cunha masa social máis numerosa no seo do PP. "Un dos obxectivos é seguir aumentando o número de afiliados e estar máis preto da xente", engadiu Begoña Estévez.
O vindeiro 23 de marzo na cidade de Pontevedra será o congreso provincial do PP, que pechará o ciclo de congresos provinciais en Galicia. Celebrarase no Centro Social Novacaixagalicia e agárdase que nel participen máis de mil persoas, entre compromisarios e convidados.
A Xunta Directiva provincial nomeou tamén aos membros do Comité Organizador, presidido polo alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, que contará con Begoña Estévez como secretaria.
Ata o vindeiro 12 de febreiro, os militantes que desexen optar á Presidencia do partido poderán presentar a súa candidatura, que terá que ir acompañada de 75 apoios, tal e como recollen os estatutos do partido.
Dous días despois de finalizado o prazo de presentación de candidatos, o día 14, realizarase a proclamación de candidatos e, a partir de aí, abrirase unha campaña interna de 6 días, desde o venres 15 de febreiro ata o xoves 21, para que os que se presenten poidan expoñer o seu programa para a nova etapa e buscar apoios.