Pontevedra será dos primeiros concellos en adaptar a normativa dos furanchos
Por Oskar Viéitez
O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, recibiu aos representantes do sector furancheiro en Pontevedra coa intención de pechar a redacción da "Ordenanza municipal reguladora da actividade dos furanchos e loureiros de Pontevedra".
O texto, cumprindo a palabra dada aos furancheiros, será aprobado durante os primeiros meses deste ano, nun prazo moi rápido despois de que a Xunta aprobase o Decreto que regula este sector para toda Galicia o pasado mes de novembro. Pontevedra será así dos primeiros concellos galegos en contar con normativa adaptada.
A xuntanza ten como obxectivos concretos definir as cinco tapas que se poderán servir, cadrar os tres meses do período de apertura e, finalmente, establecer os horarios de apertura deste tipo de establecementos.
Antón Louro explica que a nova ordenanza cínguese ao marco legal aberto polo decreto autonómico que, na súa opinión, introduce prácticamente os mesmos requisitos para a apertura dun furancho que un bar, o que pode derivar nunha conflitividade futura á hora de aplicar o réxime sancionador, como xa ten ocorrido durante o pasado verán coa vaga de multas impostas dende a Administración autonómica.
Louro explica que o Concello entregará un distintivo específico denominado "Furanchos de Pontevedra" que servirá para acreditar que o establecemento está autorizado. O distintivo, que incluirá a data de autorización da Xunta de Goberno Local, deberá estar colocado en lugar visible. As solicitudes de apertura tramitaranse a través da nova Ordenanza de Simplificación Administrativa, polo procedemento de Declaración Responsable. Deste xeito, os solicitantes aseguran cumprir todos os requisitos e responsabilízanse legalmente.
Así, cómpre recordar que o decreto da Xunta require cumprimento da normativa técnica vixente en materia de protección contra incendios, sanitaria fronte ao tabaquismo, así como aqueloutra que resulte legalmente aplicable. En canto ao período de apertura, os tres meses deben estar comprendidos entre o 1 de decembro e o 30 de xuño.
No que atinxe aos cinco tipos de tapas que poderán ofrecerse, deben escollerse entre as 11 admitidas polo decreto autonómico: embutidos-queixos, pementos (variedade Padrón), orella-chourizo, zorza-raxo, costela, ovos fritidos, sardiñas ou xurelos á grella, callos con garavanzos ou feixóns, tortilla de patacas, empanada-empanadillas e croquetas.
Unha vez pechadas todas estas cuestións, a Ordenanza municipal quedará lista para aprobación inicial polo Pleno.
Relacionadas:
-
Comeza a tempada de furanchos en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Os pementos de Padrón "vencen" á empanada e serviranse nos furanchos locais
Por Alejandro Espiño |
-
Os furanchos pontevedreses abrirán tres meses entre marzo e xuño e só poderán servir cinco tapas
Por Alejandro Espiño |
-
Furanchos, só cinco tapas e acabouse cobrar a ollo
Por Oskar Viéitez |