O Colexio de Xornalistas chega ás escolas para recuperar a dignidade da profesión
Por Redacción
Recuperar a dignidade na profesión xornalística, o entendemento e a complicidade da cidadanía e descubrir o sector aos escolares galegos. Son algúns dos obxectivos cos que se puxeron en marcha os obradoiros do programa Xornalismo na Escola, unha iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social de La Caixa que este mércores chegou ao IES Mestre Landín de Marín.
O xornalista Victor Sariego foi o encargado de impartir o obradoiro e abordou aspectos como o terrorismo, a violencia de xénero, os conflictos bélicos, a deontoloxía profesional no xornalismo, bulos, fakes ou xornalismo de investigación, sobre os que fomentou o debate con 30 escolares. Os luns 11 e 18 de abril repetirá experiencia no IES de Barro.
Estes obradoiros parten da base de que existe un amplo descoñecemento social arredor do sector xornalístico e busca fomentar entre os máis novos unha actitude diferente e motivadora ante os profundos cambios que están acontecendo no xornalismo moderno. Trátase de transformacións profundas que precisan dunha actualización, explicación e renovación na profesión xornalística.
A iniciativa chegará a 60 institutos de Galicia da man de seis xornalistas, Juan Modesto del Río, Jesús Manuel García, Olalla Liñares, Rebeca Romero, Mayte Silva e Víctor Sariego, todos eles con amplia traxectoria no sector na comunidade.