Abre o prazo de solicitude do programa "Depo en marcha"
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra acaba de abrir o prazo de presentación de solicitudes para o programa "Depo en marcha 2016" cuxo principal obxectivo é favorecer o envellecemento activo dos maiores, pensionistas e xubilados da provincia de Pontevedra. As entidades interesadas en optar a un obradoiro do programa poderán entregar as solicitudes de inscrición ata o 25 de abril nos rexistros da institución provincial.
"Depo en marcha 2016" está dirixido a asociacións, federacións e confederacións inscritas como entidades de iniciativa social dentro da área de maiores da provincia de Pontevedra, entidades clasificadas na categoría tipo "terceira idade-pensionistas-xubilados", asociacións de maiores ou entidades que xustifiquen o seu labor no eido das persoas maiores.
A Deputación de Pontevedra, a través deste programa, oferta obradoiros gratuítos de 30 horas de duración a través dos cales se pretende favorecer o envellecemento activo, optimizando as oportunidades de saúde, participación e seguridade co fin de mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia de Pontevedra.
Amais, "Depo en marcha 2016" pretende establecer relacións sociais e favorecer a participación en actividades que eleven o estado anímico das persoas maiores, potenciando movementos de participación e cooperación social, espazos de encontro e intercambio de experiencias así como evitando o illamento e as situacións de soidade.
As entidades interesadas en "Depo en marcha 2016" poderán elixir entre "traballando coas mans" (arte con flores, cestería, pintando teas, manualidades variadas, manualidades e reciclaxe), "entre fogóns" (cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e respostería e tapiñas e petiscos), "aprendendo da natureza" (plantas medicinais, poda e tarefas do campo), "móvete" (pilates, ioga, taichí, ximnasia de mantemento e zumba), "activando corpo e mente" (conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e do estrés), "enredando" (xogos tradicionais, teatro e fotografía), "dálle marcha" (bailes de salón e pandeireta e canto popular) e "en rede" (a internet e o correo electrónico, iniciación á informática e informática avanzada).