Pontevedra acolle o I Encontro Nacional de Proxectos Sustentables
Por Redacción
Chega a cidade do Lérez o I Encontro Nacional de Proxectos Sustentables, co obxectivo de crear espazos de encontro e debate para os distintos mercados e feiras ecolóxicas e sustentables en Galicia. A organización está a cargo da Asociación 4ponlas de Pontevedra, xunto coa que colaboran o Mercado da Terra de Lugo, O Lusco e Fusco de Compostela e os Foros Ecolóxicos do Barbanza.
Con esta iniciativa preténdese motivar os participantes das feiras e mercados, grupos de consumo e outras iniciativas sociais, preocupados por un consumo consciente, ecolóxico e xusto. Todos eles encontraranse o vindeiro sábado 1 de abril no Mercado de Pontevedra ás 9.00 h., desde onde tomarán as rúas da cidade.
Posteriormente, terá lugar o concerto do grupo Contrabalde. Tralo xantar Convivio para compartir, celébrase unha asemblea aberta ás 16.30 h. O lugar no que se realizará a asemblea e o xantar confirmarase o longo desta semana.
Para anotarse, chega con escribir unha mensaxe ao correo electrónico 4ponlas@gmail.com.