Novas árbores para o paseo que une as praias de Covelo e Laño
Por Redacción
Co gallo da celebración do Día da Árbore, e continuando cos traballos de restauración do paseo que une as praias de Covelo e Laño, o día 21 de marzo, en torno ás 12 horas, está prevista polo Concello de Poio a plantación de varios exemplares arbóreos ó longo da mencionada ruta.
Deste xeito, Xosé Anxo Lodeiro Cancela, concelleiro de Medio Ambiente do ente local, pretende culminar os traballos de acondicionamento da senda iniciados fai unhas semanas e que ata o de agora consistiron na súa maior parte en labores de poda da vexetación existente.
A introducción de novas árbores (exemplares autóctonos coma o loureiro e o ameneiro) vaise limitar exclusivamente a treitos da senda que actualmente carecen deles, ben porque secaron os pés existentes, ben porque sempre foi terreo ermo; para dar continuidade á vexetación que existe en ambas marxes da senda costeira.
Así mesmo, tendo en conta que o Día da Árbore coincide con período non lectivo nos colexios por mor da Semana Santa e dado o importante que é fomentar os valores de respecto pola natureza entre os máis novos, o Concello de Poio convida a que todos os rapaces do municipio se acheguen pola zona para presenciar e/ou participar nas tarefas de plantado.
Neste senso, xa confirmaron a súa asistencia os rapaces que integran o grupo de teatro "Miúdo", de Samieira, e espérase que sexan moitos máis os que se acheguen pola zona, para, entre todos, facer deste un acto lúdico-festivo.